Piscu, experiencia para a defensa

Plantel pechado! O Compos xa ten o equipo, formado por 20 homes, que pelexará por unha nova tempada chea de éxitos. Adrián López Rodríguez, máis coñecido sobre os terreos de xogo como 'Piscu' reforza o centro da defensa apuntando a ser unha peza fundamental no cadro branquiazul logo dunha longa carreira chea de éxitos malia sufrir lesións importantes que o apartaron dos terreos de xogo durante máis dun ano.


Comezando na base do As Pontes, o defensa pontés chegou ás categorías inferiores do Depor alá polo ano 2001 para xogar dende o cadete branquiazul ata chegar ao primeiro equipo. Dez anos nas filas do cadro coruñés onde destacou na xuvenil así como no Fabril acadando un ascenso á Segunda B e levando ao equipo ao primeiro posto da categoría de bronce sendo, ademais, o equipo menos goleado da categoría. 
O seu bo facer no filial deportivista levouno ao primeiro equipo, co que se estreou en 2007 fronte ao Espanyol, no mesmo ano no que debutou na Copa do Rei, diante do Mallorca e, de novo, a domicilio. A iso hai que engadir as lesións dos centrais titulares no primeiro equipo abríndolle as portas da titularidade no equipo dirixido por Lotina, quen o preferiu por diante de Aythami na súa segunda tempada como profesional. 
Un total de 26 partidos de Liga na máxima categoría do fútbol español, 10 de Copa do Rei e 8 na Copa da UEFA, contando tamén a fase previa nos que marcou un gol. 
Logo de rescindir o seu contrato na Coruña, buscou sorte en terras inglesas sendo o Wigan Athletic da Premier League o seu novo destino. En Inglaterra tampouco contou con sorte ás ordes de Roberto Martínez, agora seleccionador de Bélxica, xogando 11 partidos co primeiro equipo e probando sorte tamén co equipo de reservas. A nivel de equipo, no que aprendeu a xogar tamén como lateral dereito, hai que engadir que gañou a FA Cup na mesma tempada na que o equipo perdeu a categoría. 
Do Wigan pasou a probar sorte no Montreal Impact, equipo canadiense que xoga na Major League Soccer estadounidense. Non obstante, só puido xogar un partido na Liga de Campións da CONCACAF antes de lesionarse de gravidade no xeonllo, unha lesión que o deixou fóra dos terreos de xogo durante dúas tempadas recaendo nun partido co equipo de reservas, provocando que pasara dous anos case sen poder xogar. 
De volta a Europa, a onde volveu cunha copa canadiense, asinou por seis meses co Aarhus dinamarqués, un equipo co que non puido gañarse a titularidade mais o seu bo traballo si o levou a renovar por outra media tempada rematando o curso no equipo do que saiu no verán. 
Á saída, recaeu da lesión de xeonllo outra vez e pasou outro ano máis sen poder contar con equipo no que xogar pasando polas mans de diferentes médicos grazas aos que puido sentirse futbolista hai un ano no Fredericia, tamén dinamarqués. Na segunda categoría do país nórdico, tardou en facerse un oco fixo no once titular xogando un total de 16 encontros de liga e outros 5 de copa. 
Agora, con 31 anos, chega á Esedé para cubrir a baixa que deixou a marcha de Cardeñosa ao Boiro e acompañará a Uña e Álvaro Casas no centro da defensa. 

1 comentario:

  1. Noraboa polo blog, boa información nunha gran presentación. Gracias!

    ResponderEliminar