Miki Villar, terceira incorporación


Miguel Villar Alonso, máis coñecido no mundo do fútbol como 'Miki', é a terceira incorporación para un Compos que está a completar un equipo cunha boa base de xogadores do cadro que gañou a liga a pasada tempada. Procedente do Boiro, trátase dun extremo con gran velocidade e desborde de 21 anos cunha ampla experiencia na categoría e asina por un ano con opción a un segundo. 
Nado en Nigrán en setembro de 1996, Miki comezou a súa carreira deportiva na base do Rápido de Bouzas, equipo co que se estreou na Terceira división hai xa cinco anos. No clube vigués demostrou a súa calidade ata que no 2015 saiu cara o Pontevedra, no que debutou na Segunda B. Non obstante, o seu primeiro paso polo cadro granate durou media tempada, volvendo a Bouzas en calidade de cedido. Algo máis de sorte tivo na súa segunda tempada como xogador do Pontevedra, na categoría de bronce, puidendo gañar algo máis de experiencia de xogo. 
Tras o seu paso por Pasarón, chegou a pasada tempada ao Boiro, equipo do que procede. Nunha difícil tempada para os de Barraña, foi un seguro sobre o verde xogando un total de 31 encontros, 25 deles como titular, e superando os 2.200 minutos nos que fixo tres goles. 
Con el son xa 15 xogadores confirmados para a vindeira tempada e queda por saber o futuro de cinco dos futbolistas que estiveron o curso pasado ás ordes de Yago Iglesias. Róber, Tomás, Alex Ares, Primo e Cardeñosa, cinco dos futbolistas máis utilizados aos que engadir as 12 renovacións xa coñecidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario