Nova visita a Catalunya

Catalunya e Compos. Compos e Catalunya. Volvemos a unha terra cun mal último recordo. De feito, menos dunha hora separa a cidade deportiva do Espanyol, onde os nosos caeron o pasado domingo, do Estadi Olímpic de Terrassa, onde haberá que arrincar a segunda eliminatoria da fase de ascenso á Segunda B. Un rival difícil e que acabou cuarto no seu grupo conseguindo a clasificación para a promoción na derradeira xornada de liga. 


Un histórico. 
O Terrassa, segundo rival dos nosos neste camiño á Segunda B, é un histórico do fútbol catalán con ata 15 tempadas na Segunda división, onde coincidiu cos nosos na tempada 2002/03. Non obstante, levan dende o 2010 nunha Terceira división da que non conseguiron saír malia pasar por dúas fases de ascenso, caendo tanto en 2014 coma en 2017 na primeira rolda diante de Linares e Ontinyent respectivamente. 
Neste curso, o cadro egarense pechou a tempada co obxectivo conseguido na derradeira xornada. O empate fronte ao Castelldefels a domicilio e unha derrota do Pobla de Mafumet serviron para asinar unha nova promoción de ascenso con 64 puntos grazas a 17 victorias, 13 empates e 8 derrotas, sendo o segundo equipo con máis repartos de puntos e o terceiro con menos derrotas da categoría. 
Trátase, por outro lado, dun equipo sen moito gol. 60 goles a favor e 38 en contra, números inferiores aos do Compos, con Raúl Torres coma máximo goleador con 10 tantos.

O Mar Menor, o primeiro en caer.
O Terrassa chega a esta segunda eliminatoria logo de desfacerse sen excesivos problemas do Mar Menor. O equipo murciano non foi rival nin na ida nin na volta perdendo nos dous encontros por 1-0 en terras catalás, cun gol de Toro, e 0-2 no Pitín con goles de Amantini e Nils. Un segundo clasificado que non soubo poñer en apuros aos nosos seguintes rivais. 

A ida será este mesmo domingo ás 18 horas no Estadi Olímpic de Terrassa mentres que a volta será sete días despois en San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario