Nova viaxe, mesmo destino

Santiago-Barcelona, un camiño que os nosos xogadores van coñecer ben cando remate esta promoción de ascenso. E é que sete días despois de coller un avión rumbo a terras catalás, nesta ida da segunda rolda toca unha nova viaxe á mesma terra coa diferenza de que, nesta ocasión, o destino final será Terrassa, a algo máis de media hora de Barcelona.
En terras egarenses, o Compos terá que loitar na ida da segunda fase despois de que o sorteo do luns, que non deixa de poñer en dificultades a un equipo que busca seguir facendo historia, anunciase un encontro entre dous históricos do fútbol que se verán as caras quince anos despois de facelo na Segunda división. 


No último momento. 
Última xornada de liga. O Terrassa perdera a cuarta posición semanas antes en favor da Pobla de Mafumet, sempre co ollo botado ao posto de promoción de ascenso co que volver á categoría de bronce. Non obstante, na derradeira xornada do campionato, o cadro terraconense perdeu contra o Espanyol B deixando a posibilidade aos barceloneses que só tiveron que empatar na casa do Castelldefels para conseguir o premio final. 
Con 60 goles a favor, trátase do cuarto equipo con mellor cifra anotadora do grupo catalán, mentres que os 38 goles en contra o sitúan como o sexto equipo con mellor defensa deixando a porta a cero en 12 partidos acumulando, como mellor xeira do curso, un total de 8 xornadas consecutivas sen perder sumando 14 puntos e outra de 7 xornadas sen perder cun total de 17 puntos de 21 posibles, ámbalas dúas na primeira volta chegando a este encontro despois de 5 partidos sen perder. 
Como local, conseguiron menos puntos ca a domicilio (30). Con 8 vitorias, 3 delas pola mínima e 2 só anotando un gol, e 6 empates, só un sen goles, hai que falar tamén das 5 derrotas, todas elas por 0-1 agás a sufrida ante o Europa (1-3) sendo a única ocasión na que marcaron un gol na casa e non conseguiron puntuar. 
A nivel individual, trátase dun equipo forte en tódalas liñas con Raúl Torres como máximo anotador do equipo, con 10 tantos en liga. Non obstante, é dúbida despois de só dous minutos sobre o verde no que vai de promoción de ascenso. 

Diferente comezo. 
Os dous equipos chegan a este partido despois dunha rolda da fase de ascenso, que remataron con resultados moi diferentes. O Compos, caído da parte de campións, e o Terrassa, que superou sen grandes problemas a primeira eliminatoria, sen opción para o rival.
Os nosos recibiron a primeira mala nova ao coñecer que o seu primeiro rival, na fase de campións, sería o 'coco' do sorteo. O Espanyol B chegou a Santiago con respeto e sen conseguir facerse dono dun partido que puideron gañar os nosos na segunda metade. Non obstante, a efectividade total dos barceloneses na volta foi chave para adiar o premio branquiazul catro semanas máis convertíndoo nun 'coco' a partir de agora. 
Pola súa parte, os cataláns recibiron na súa casa ao Mar Menor no encontro de ida. Unha vitoria pola mínima cun gol de Toro foi suficiente para deixar a eliminatoria un pouco de cara a noventa minutos para o final. En Murcia, decidiron a eliminatoria con dous goles nos vinte últimos minutos, obra de Amantini e Nils en cousa de tres minutos. 

Quince anos. 
Hai uns meses cumpríronse quince anos da última visita dos nosos a Terrassa na única ocasión na que os dous equipos se viron as caras ao longo da historia. Foi na Segunda división 2002/03 e os nosos non conseguiron puntuar malia adiantarse cun gol de Sequeiros no primeiro minuto de xogo. Keko empatou aínda no primeiro tempo mentres que Monty fixo o segundo dos locais e definitivo. O mesmo resultado, a favor dos branquiazuis, repetiuse na segunda volta. 

Todos dispoñibles. 
Para este partido, Yago Iglesias terá á súa disposición aos vinte xogadores que forman o equipo esta tempada. Non obstante, Cardeñosa non podería estar no partido de volta de ver un cartón amarelo xa que, na promoción de ascenso, o terceiro cartón amarelo acarrea suspensión. 

Tarde de domingo. 
Nunha fin de semana con partidos importantes na fase de ascenso á Segunda B, o Compos visitará o Estadi Olímpic de Terrassa o domingo ás 18 horas. Un partido para o que o clube catalán puxo á disposición dos afeccionados entradas en venda anticipada a 5 euros para socios na bancada Xeral e Gol e 10 euros para a Tribuna. Mesmo prezo para non socios en Xeral e Gol e 15 euros na Tribuna. Para o día de partido, as entradas estarán a 15 euros en Xeral e Gol mentres que para a Tribuna estarán a 20 euros. Un encontro para o que se prevé unha boa entrada e para o que non se descarta a presenza de afeccionados branquiazuis. 
Para quen non poida viaxar, poderá seguir o encontro nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario