Un paso máis

O Compos segue deixando atrás posibles rivais directos na súa loita particular por un posto na promoción de ascenso. Despois de golear en San Lázaro ao Racing Vilalbés, o equipo de Yago Iglesias non perdoou tampouco a un Boiro que tivo máis oportunidades cun home menos, xa no segundo tempo. 
A xeira histórica de vitorias branquiazul aumenta ata as nove consecutivas. Ante un Boiro con problemas, Primo sacou a súa mellor versión e asinou dous goles e unha asistencia derrotando a un equipo que queda a nove puntos da promoción. Santi, o outro goleador, ademais viu un cartón amarelo que fará que non poida estar a vindeira fin de semana ante o Barbadás. Pola súa parte, o cadro local buscou meterse no partido cun gol de Cano dende os once metros. 


A Esedé, dona da pelota.
Malia ser o Boiro o encargado de poñer a pelota sobre o terreo de xogo, foi o Compos o que rapidamente se fixo dono del. A posesión non tardou en ser branquiazul case con totalidad e as ocasións tampouco se fixeron esperar. Nin as ocasións nin tampouco o gol e é que Primo non tardou nin cinco minutos en aproveitar o primeiro erro para adiantar aos nosos logo de roubar un balón e bater ao gardamallas.
Co primeiro no marcador, as ocasións seguiron chegando do lado visitante ata o final dos primeiros corenta e cinco minutos. De feito, todas agás unha, sen moito risco, levaron o selo branquiazul ante un Boiro que case non puido facer máis que defenderse das constantes acometidas. 

Segunda metade máis igualada.
Se na primeira parte foi o Compos o encargado de poñer o perigo na porta local, na segunda as oportunidades chegaron nos dous lados con máis acerto, unha efectividade case total, do cadro santiagués. 
Dous minutos e medio levaban ámbolos dous conxuntos sobre o terreo de xogo cando Primo, que tampouco tardou á hora de facer o primeiro, recibiu un balón ás costas da defensa e cedeulla a Santi. O dianteiro superou cun caneo ao gardamallas local e marcou a porta baleira o segundo co que aumentaba a diferenza un Compos moi superior. 
Non obstante, co paso dos minutos foi mellorando o Boiro obrigando a traballar aínda máis á defensa rival. De feito, Saro sacou case na liña de gol unha pelota que xa superara a un Lucas que minutos despois evitou unha posible sorpresa boirense.

Superioridade case inexistente.
Aos vinte minutos logo da reanudación chegou un novo golpe para o cadro de Falagán coa expulsión de Remeseiro por dobre amoestación. Mais, contra o que se esperaba, o Boiro foi quen de superar esa inferioridade numérica a base de boas chegadas ante un Compos que non era quen de crear máis perigo no segundo tempo máis alá do gol. 
E xa que falamos de goles e efectividade hai que nomear de novo a Primo. O dianteiro cántabro, logo dunha fermosa triangulación con Alex Ares e Róber, meteu a pelota de novo na portería local co porteiro xa superado. Golazo de novo e van xa 14 na súa conta particular. 
Xa sen opcións de sumar ningún punto, o Boiro conseguiu un penalti, un tanto dubidoso, por man de Tomás logo dun lanzamento de falta. Dende os once metros non perdoou Cano, que enganou a Lucas, para asinar o 3-1 definitivo.

Agora dous na casa.
As dúas próximas xornadas terán unha gran importancia. Dúas citas consecutivas en San Lázaro ante un Barbadás que busca salvar a categoría e o que agora é o mellor partido que se pode ver na Terceira galega entre o líder, que chegará a ese encontro no alto da clasificación pase o que pase, e o Bergantiños, obrigado a gañar ante o Negreira para non perder a segunda posición. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Tomás; Primo, Ares, Róber; e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Róber, Primo, Cardeñosa, Santi, Tomás e Naveira.
GOLES: 0-1 4' Primo, 0-2 47' Santi, 0-3 76' Primo, 1-3 86' Cano.
CAMPO: Barraña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario