A Nosa Loita (Xornada 25)

Todo segue igual. Todo agás o cuarto posto, unha loita que será longa e da que tamén se está a aproveitar o Compos. Un Compos que segue igual de líder e que aumenta a trece os puntos de diferenza con respecto do quinto. O Bergantiños, que tampouco perdoou esta fin de semana, mantense a seis puntos do primeiro mentres que o Barco, terceiro, non perde de vista a posición de prata, á que está a un punto. O Racing Vilalbés, novo cuarto, aproveitou a derrota sorpresa do Somozas na casa do Laracha e o Silva segue a facer unha tempada histórica superando ao Céltiga na Grela. Pola súa parte, o Boiro queda case descartado dunha pelexa na que podería meterse nas vindeiras xornadas un Alondras que non perdeu no que vai de ano.

Resultados positivos para a Esedé.
Ben é certo que non foi unha xornada redonda para os intereses dun Compos que non pasou por excesivos problemas para desfacerse do Boiro en Barraña. O equipo de Yago Iglesias non tardou en abrir a lata cun gol de Primo, de novo moi importante para conseguir os tres puntos. Na segunda metade, asistencia do cántabro e gol de Santi para aumentar diferenzas e segundo do ex dianteiro do Vitoria para pechar a vitoria. Cano, dende os once metros, fixo o gol boirense xa sen tempo para máis. E van nove.
Os dous rivais do Compos nas dúas vindeiras xornadas, Barbadás e Bergantiños, enfrontáronse nos Carrís nun encontro onde ámbolos dous conxuntos chegaban coa obriga de gañar para manterse vivos nas súas respectivas loitas. Mais a superioridade de Bergantiños fíxose visible e Rodrigo Alonso e Rubén Rivera, cun golazo, asinaron o 0-2 definitivo. O equipo ourensán, o seguinte que visitará San Lázaro.
O que non perde de vista o segundo posto é o Barco. O cadro valdeorrés suma un punto menos que os carballeses grazas a catro vitorias consecutivas e dez xornadas sen perder. A súa última vítima foi un Ribadumia que non puxo as cousas nada doadas. Cristóbal adiantou aos visitantes por primeira vez, Santi conseguiu o empate e de novo Cristóbal fixo o tanto co que os ourensáns se levaron un novo triunfo a domicilio.
Seguindo as posicións na táboa atopamos ao Racing Vilalbés. O equipo lugués superou a súa derrota en San Lázaro do mellor xeito posible: con tres puntos que o devolven ao cuarto posto. Yelco adiantou á Cultural Areas pero Villares non tardou en empatar, aínda no primeiro tempo. Na segunda metade mantívose o guión e con goles de Verez e Make, que xa suma catro, pecharon unha goleada importante.
Quen tamén gaña un posto na táboa e o Silva. O primeiro en xogar, e pasar a noite entre os catro primeiros, foi o equipo coruñés. Na Grela, o Céltiga non puido sumar os seus primeiros puntos no que vai de ano ante un equipo que non precisou máis de cinco minutos entre un gol e outro, obra de Cañi e Marcos, para rematar cunha xeira de dúas xornadas sen gañar.
Para rematar hai que falar do que perdeu o último posto na pasada xornada. O Somozas non puido no Municipal de Laracha contra un dos equipos que se están a xogar outra loita importante: a do descenso. Os da Ferrolterra, novo equipo do ex branquiazul Gonzalo, adiantáronse cun gol de Gerardo e aí quedaron. Javi Ballesteros empatou para os locais aínda na primeira parte mentres que Adrián asinou o definitivo para os locais a cinco minutos para o final, sen tempo posible de reacción.

Boa xornada.
A xornada 25 trae un total de cinco partidos importantes para os plans da Esedé. Un Compos que recibirá en San Lázaro ao Barbadás na que será a primeira das dúas xornadas consecutivas na casa. A posibilidade de encadear dez xornadas consecutivas ante a obriga de saír dos postos de descenso o antes posible. Domingo ás 17 horas.
O mesmo pasará nas Eiroas. O Bergantiños, que será o seguinte en visitar San Lázaro, recibirá ao Negreira de Nacho e Cabrejo, tamén coa necesidade de puntuar para fuxir da parte baixa. O cadro carballés deberá superar aos negreireses se quere manterse na pelexa polo primeiro posto e logo non perder ante os nosos na que será a cita máis importante desta segunda volta.
O Barco buscará frear a un Laracha que, despois de bater ao Somozas, puido saír do descenso durante unha semana. Un enfrontamento moi importante para os dous equipos cos valdeorreses buscando a undécima consecutiva e os laracheses manterse fóra do descenso.
O prato forte vaise servir esta xornada no Candocia. Somozas e Racing Vilalbés, sexto e cuarto respectivamente, loitarán polo último posto que dá opción a esa tan desexada oportunidade de ascender de categoría. Os locais, ademais, chegan despois de tres xornadas sen gañar mentres que os visitantes encadean dúas saídas sen puntuar.
Por último, un Arousa que suma dez xornadas sen coñecer a derrota esta tempada e con só dúas caídas na Lomba nas dúas últimas tempadas, ámbalas dúas na pasada campaña, recibirá a un Silva que buscará eses tres puntos imposibles de conseguir ata o de agora. O cadro coruñés, que chega de gañar ao Céltiga, só gañou dúas das súas últimas sete saídas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario