Segunda e segundos

O Compos volveu sen nada da Lomba de Ponteareas. Partido complicado para os nosos no que non puideron sacar nada positivo encadeando a segunda derrota consecutiva e igualando o peor momento dos nosos da primeira volta, cando se perdeu en Vilalba e ante o Boiro. Nesta ocasión, o Cultural Areas non perdoou e con algo de axuda do colexiado, con dúas xogadas polémicas na segunda metade, asinou tres puntos moi importantes cos que buscar algo de tranquilidade na clasificación.
Un total de tres goles, dous para os locais asinados por Obama e Adi, e un para os nosos, obra de Diego Rey, nun campo da Lomba que non semellaba estar nas súas mellores condicións. Ante isto, o Compos perde o segundo posto en favor dun Bergantiños que iguala a puntos ao equipo que hai dúas semanas tiña a seis puntos e que supera grazas á diferenza de goles total. 


Plantexamentos moi diferentes. 
Facendo pensar de novo no segundo tempo ante o Bergantiños, onde o equipo mantiña a posesión pero non sabía que facer coa pelota, o Compos buscou sorprender a un Areas que case non precisou nin da pelota nin de tempo para poñerse por diante no marcador. Foi na primeira oportunidade que tiveron a balón parado, nun saque dende o curruncho, e Obama non perdoou ante unha feble defensa branquiazul. 
Menos de cinco minutos e o Compos por debaixo no marcador ao igual que pasara na primeira volta ante o Vilalonga en San Pedro. De feito, o partido tomou un guión aínda máis semellante co paso do tempo. Os nosos buscando sen sorte o camiño á porta contraria, obtendo nas botas de Primo algunha oportunidade para empatar. 
A máis clara a tivo Diego Rey á media hora de partido. O extremo, que entrou para dar un pouco de descanso a Alex Ares, aproveitou un gran centro de Saro dende a banda para igualar un marcador que non tardou en moverse de novo. 
Só cinco minutos despois do tanto visitante, Adi non desaproveitou un novo centro dende a banda para adiantar de novo aos ponteareáns. Un gol co que se asinaba o resultado que sería definitivo e que faría perder aos nosos o primeiro posto.

Na segunda metade non houbo maneira.
No segundo tempo, cos nosos máis nerviosos na busca do empate, as cousas non foron moito mellor. Non obstante, as oportunidades para dar a volta ao marcador chegaron ante un Areas que se foi metendo atrás co paso dos minutos buscando evitar o que conseguiu frear o colexiado. Ademais, hai que engadir que a ocasión máis clara, e que non invalidou o colexiado, rematou cun erro de Santi no man a man semellante á que errou Primo no primeiro tempo.
Os problemas co árbitro comezaron cun gol. A quince minutos para o final, o Compos foi quen de anotar o segundo na súa conta particular mais o asistente invalidou a xogada por un suposto fóra de xogo que haberá que ver de novo en televisión e que parecía inexistente no campo. 
Na mesma zona do campo pero con diferentes cores, entre a defensa do Areas, tamén foron en aumento os problemas nunha segunda parte chea de interrupcións e que nos levaron aos cinco minutos de engadido. 
Nese engadido, que houbo que imaxinar ante a ausencia de cartel, se viviu outra das accións polémicas tamén na área local. Nova entrada dos nosos na área e penalti que non sinala o colexiado nin sequera despois dunha longa discusión co seu asistente e que rematou coa expulsión de dous integrantes do corpo técnico santiagués, acompañando a David Uña no vestiario antes de tempo expulsado tamén por protestar o gol anulado. 
En resumo, partido que puido caer para calquera lado pero que soubo xogar mellor un Areas que se botou atrás no segundo tempo chegando a xogar con cinco defensas no treito final. Sobre o demais, hai que ver a repetición dun partido non exento de polémica.

Once xornadas.
Hai xusto tres meses que o Compos tomaba o primeiro posto logo de remontar ante o Vilalonga en San Pedro. Recuperaba ese primeiro posto que perdía un Bergantiños que once xornadas despois, cos mesmos puntos ca os nosos, recupera grazas a este resultado e á súa vitoria ante o equipo sanxenxino. 
O mesmo tempo é o que queda por diante. Un treito final do campionato no que haberá que buscar asegurar, primeiro, a promoción e despois o primeiro posto, que estará moi igualado con dous equipos que non perdoarán moitos puntos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon (Ube, min. 63), Tomás; Santi (Rubén, min. 75), Diego Rey (Alex Ares, min. 53), Róber; e Primo. 
CARTÓNS: Amarelos para Sergio, Tomás, Primo, Mon, Ube, Róber e Rubén. Expulsados Uña e Manuel Castiñeiras e Alex Otero do corpo técnico. 
GOLES: 1-0 3' Obama, 1-1 33' Diego Rey, 2-1 38' Adi. 
CAMPO: A Lomba de Ponteareas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario