A Nosa Loita (Xornada 28)

Hai novo líder na categoría! O Compos encadeou na súa visita a Ponteareas a segunda derrota en oito días e non só perde esa diferenza de seis puntos senón que, ademais, tamén o primeiro posto. O novo ocupante do caixón máis alto da táboa non é outro que o Bergantiños. O equipo de Carballo tampouco fallou sumando a súa cuarta vitoria consecutiva e iguala a puntos co equipo da capital, aínda que o supera na diferenza de goles, chave para o final da campaña. Algo máis abaixo, con sete puntos menos, está un Barco tranquilo e sen ver perigar o seu terceiro posto. De feito, a cuarta posición ten un novo dono, e van catro diferentes nas cinco últimas xornadas. O Arousa, que hai varias semanas semellaba estar fóra da pelexa, chega con forza e superando en goles, non así en puntos, a Alondras e Somozas, cos que iguala con 48 puntos. Máis abaixo, pero con opcións de meterse na promoción a vindeira fin de semana, o Racing Vilalbés non é quen de erguer o voo de novo e queda a dous puntos da promoción. E xa case sen opcións queda a sorpresa da primeira volta, un Silva que só asinou 7 puntos dende a chegada deste novo ano quedando agora mesmo a 4 puntos do cuarto e só dous por enriba dun Boiro que busca as súas opcións cun novo troco de adestrador.

Só un asegurado.
A día de hoxe, con once xornadas por disputarse nesta Terceira galega, temos un novo gobernante na categoría. Un ou máis ben dous. E é que Bergantiños, que grazas a dez goles en contra menos, é o novo líder igualado co Compos con 60 puntos. Unha igualdade que se mantén tanto en vitorias, coma en empates e derrotas ao longo da tempada e que só se rompe coa diferenza de goles global, xa que os dous encontros entre ámbolos dous equipos remataron con vitoria pola mínima do que xogaba de visitante.
Hai menos de dez días, a diferenza entre os dous equipos na parte alta era de seis puntos coa posibilidade de irse aos nove de gañar o Compos ou ben de acurtarse ata os tres coa vitoria bergantiñán, como finalmente pasou con algo de polémica polo medio. Mais iso só foi a primeira parte da caída dun equipo que semellaba estar seguro no máis alto. Na Lomba de Ponteareas, e con aínda máis polémica do que cabía esperar, a Esedé caeu aínda máis grazas a dous goles locais no primeiro tempo e unha actuación arbitral que deixa moito que desexar e que podería deixar algunha sorpresa máis nas vindeiras horas en 'Casa Compos'. Sen dúbida, o peor agasallo de aniversario para o presidente do clube.
Ese erro dos nosos aproveitouno un Bergantiños que xa era líder antes de comezar o encontro en Ponteareas. Nas Eiroas, o Vilalonga non foi quen de frear a un equipo que xa ten o seu premio. Os de Miguel Filgueira amosáronse superiores dende o comezo e foron quen de inaugurar o marcador antes dos quince minutos cun gol de Rodrigo Alonso. Mais, lonxe de xogar con tranquilidade durante mais tempo, o cadro de Carballo non puido aumentar a súa vantaxe ata os dez minutos finais, cando Pablo Antas anotou dous goles máis que asegura aínda máis esa primeira posición, que a día de hoxe separa aos seus do Compos grazas a seis goles.
O Barco navega tranquilo pola terceira posición. Sen perigo de perder o seu posto nin opcións de facerse cun superior, os de Valdeorras están agora mesmo dependendo de si mesmos para pechar unha tempada histórica mellorando a cuarta posición acadada na tempada 1988/89. Non obstante, suman cero puntos nas dúas últimas xornadas disputadas en Calabagueiros. Caeron ante o Laracha hai dúas semanas e agora chegou a quenda dun Boiro con cada día máis problemas internos e que remataron este pasado domingo coa destitución de Falagán como adestrador na comida previa ao partido. Aínda así, o Boiro volveu superar as adversidades e foi quen de remontar un gol de David Álvarez grazas a dous tantos de Igor chegando o segundo a cinco minutos para o final.
Outra pelexa moi igualada é a que hai pola cuarta posición e na que agora mesmo manda o Arousa. Un equipo que na xornada 21 estaba a nove puntos do posto que agora ocupa despois dun ascenso na táboa case tan merecido como esperado dado o equipo co que contan os arlequinados. Para iso superaron a un Laracha na Lomba de Vilagarcía grazas aos goles de Julio Rey e Sylla manténdose invictos na casa no que vai de tempada a catro semanas de recibir ao Compos.
Cos mesmos puntos pero unha diferenza de catro goles menos atopamos ao Alondras. Outro equipo que tamén protagonizou un gran ascenso na clasificación e que nesta ocasión non foi quen de pasar do empate contra un Ribadumia que puido saír con algo máis do Campo do Morrazo. De feito, foron os visitantes os que primeiro viron porta cun gol de Filgueira aos seis minutos de partido e os que tamén anotaron o gol do empate, obra de Domingo en propia porta.
E pechamos esta serie de empates co vindeiro rival do Compos. O Somozas, que leva unha diferenza de seis goles inferior ao cuarto e catro menos ca o quinto, partirá a vindeira fin de semana dende a sexta posición igualado a puntos co último da promoción. Metidos nunha mala dinámica de resultados, con só unha vitoria nos últimos seis partidos, os da Ferrolterra non puideron sequera pasar do empate inicial ante un Barbadás que perde a oportunidade de achegarse aínda máis á permanencia.
Un que perde parte das súas opcións de cara á vindeira fin de semana é o Racing Vilalbés. O cadro lugués non puido facerse con nada positivo na súa visita ao Salvador Otero. Despois dun primeiro tempo sen goles, o Céltiga anotou o único gol do encontro, obra de Manu.
E sen opcións de meterse na promoción, e a piques de esgotar as súas posibilidades, está o Silva. Pasando por un mal momento, o equipo coruñés encadea a súa terceira derrota consecutiva contra un Noia que quere seguir vivo nunha categoría na que podería haber ata dous equipos dependendo dos posibles ascensos. O equipo noiés puido adiantarse antes do tempo de lecer grazas a un gol de Manoliño mentres que Nando, a quince minutos para o final, pechou o triunfo do equipo local ante un rival que podería estar asinando un novo ano na Terceira.

Segue a conta atrás.
Unha semana máis que pasa e unha menos para que chege o obxectivo definitivo: a promoción de ascenso. Unha fin de semana na que Ponteareas pode marcar de novo un troco de líder e na que seis dos nove primeiros se enfrontan entre si co partido de San Lázaro como o máis importante e cuxo horario cambiou nas últimas horas.
Marcado en primeiro momento para o sábado pola tarde, cambiado para o domingo pola mañá por imposibilidade do uso do aparcadoiro de San Lázaro por mor dun duatlón e para non coincidir co partido que o mesmo día pola tarde xogará o Obradoiro en Sar, un Compos-Somozas que pode ser a volta dos nosos ao triunfo e a primeira ocasión para volver ao alto da clasificación. Diante, un rival que sairá con todo para asaltar unha vez máis o cuarto posto da táboa.
Para iso, o Compos deberá depender do que pase na Lomba de Ponteareas. A cousa pasa por marcar seis goles máis dos que marque o Bergantiños ou ben esperar que o Areas sume unha semana máis contra o líder da categoría. Encontro, en principio, desigualado entre os dous últimos rivais da Esedé, que ademais foron quen de encadear dúas derrotas dos nosos.
Dese partido depende tamén o Barbadás, entre outros. O Cultural Areas ocupa agora mesmo o último posto de permanencia e por el loita o equipo ourensán. Nos Carrís recibirán ao Barco, terceiro clasificado, que buscará seguir asegurando o seu posto privilexiado nun xogo entre dous conxuntos obrigados a sumar de tres para rachar as súas xeiras negativas.
O cuarto posto pasa pola Terra Chá. Alí pelexarán Racing Vilalbés e Arousa por un mesmo obxectivo: o cuarto posto. O sétimo recibirá ao cuarto na Magdalena con dous puntos de diferenza entre ámbolos dous equipos. Un partido que, de perder o cadro lugués, podería supoñer unha distancia importante cos vilagarciáns na clasificación.
O terceiro nesta loita é o Alondras. Os cangueses terán tamén unha nova oportunidade de recuperar a cuarta praza nun campo onde tamén estará en xogo a permanencia. No Municipal de Laracha, do que o último que sacou os tres puntos foi o Compos, os locais buscarán manterse lonxe do descenso directo.
Por último, o partido que arrincará só quince minutos despois que o do Compos. Na Grela, o Silva buscará non perder máis distancia con respecto ao cuarto clasificado. Para iso terán que superar a un Ourense moi tranquilo na zona media da clasificación, separados por oito puntos. A derrota pode deixar ao Silva fóra da pelexa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario