A Nosa Loita (xornada 20)

Nesta primeira fin de semana de 2018 arrinca a segunda volta dun campionato onde o novo Campión de inverno buscará manterse no máis alto da clasificación nun dos campos máis difíciles da categoría. Un encontro entre o líder e o cuarto aos que acompañan dúas saídas dos outros dous integrantes do podio con Racing Vilalbés e Somozas esperando un erro dos da parte alta.

Sen freos.
Os seis primeiros clasificados non puideron pechar mellor o ano 2017, a primeira volta. Unha serie de bos resultados que non acompañaron a un Boiro que caeu por segunda vez en tres xornadas perdendo o cuarto posto e quedando a catro puntos desa posición privilexiada de cara a este comezo de segunda volta.
Con complicacións, o Compos foi quen de rematar a primeira metade do campionato cunha nova vitoria a domicilio. O Choco non foi quen de parar ao cadro de Yago Iglesias na busca do campionato de inverno e da man de Tomás e Primo chegaron os dous tantos co que deixar encamiñada a vitoria. Xa no engadido, Pablo Couñago fixo o tanto redondelán para poñer o 1-2 definitivo no marcador.
Mesmo resultado se puido ver no Morrazo entre o Alondras e un Bergantiños que non perde de vista á Esedé. Un partido que contou cun guión semellante ao do xogo anterior con dous goles dos de Carballo e un dos locais xa sen tempo para máis.
Tamén pola mínima foi quen de gañar o Barco en Negreira. O equipo de Valdeorras, terceiro na táboa, tivo algo máis de problemas para facerse cos tres puntos no Xesús García Calvo. Raly foi autor do único gol do xogo, xa fóra do tempo regulamentario mantendo a praza.
Cos mesmos puntos que o conxunto ourensán, o Silva pecha a zona privilexiada da clasificación. O equipo coruñés, que comezará 2018 recibindo ao Compos na Grela, non pasou moitos problemas para superar a un Barbadás que parecía achegarse á salvación e que deu un paso atrás na Catedral. Paulo, Cañizares e Gagino asinaron os tres tantos coruñeses.
Cun punto menos conta o Racing Vilalbés. O equipo lugués non quere perder de vista a promoción de ascenso, obxectivo por segunda vez na súa historia, e para iso sumou tres novos puntos no Municipal de Laracha con goles de Alex Pérez e José Varela no primeiro tempo, suficientes para gañar a un equipo que se achega aos postos de perigo.
O único desta loita que foi quen de gañar unha posición na derradeira xornada do 2017 foi o Somozas. O equipo da Ferrolterra gañou en San Pedro cun novo recital ofensivo de Gerardo. O dianteiro anotou dous goles e Alex completou unha goleada importante nun campo difícil.
Por contra, o único que non foi quen de puntuar sequera e que perdeu a súa posición e a oportunidade de entrar entre os catro primeiros na vindeira xornada foi o Boiro. Un dos favoritos que non foi capaz de sacar un resultado positivo da Senra despois de encaixar goles de Hugo Soto e Rubén Cerqueiras no primeiro tempo. Jorge Cano anotou o tanto visitante insuficiente para manter o sexto posto e quedar a catro puntos do cuarto.

Xornada emocionante.
Sen dúbida, o mellor encontro da primeira xornada do 2018 será o que se xogue na Grela na mañá do domingo. Un agasallo de Reis para todos os afeccionados ao fútbol que poderemos vivir un dos grandes enfrontamentos da tempada entre o líder e o cuarto clasificado, no que un buscará abrir un oco maior con respecto aos seus perseguidores e o outro pode provocar un novo troco de líder.
Segundo e quinto, Bergantiños e Racing Vilalbés, buscarán dar un novo espectáculo na Magdalena sen perder de vista ao encontro no campo coruñés. O Bergantiños buscará un erro do Compos mentres que a derrota do Silva podería facer que o cadro lugués volva aos postos de promoción de ascenso.
Descenso e promoción estarán en xogo en San Pedro. O Vilalonga recibirá na súa casa ao Barco coa única intención de fuxir dos postos de descenso. Pola súa parte, o Barco terá na súa man a oportunidade de aproveitar calquera erro dos da parte alta e abrir algo máis de oco cos de abaixo.
Para rematar, outro que tamén terá que buscar a vitoria lonxe da casa é o Somozas. O cadro da Ferrolterra visitará nesta primeira xornada da segunda volta a un Arenteiro na zona tranquila da clasificación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario