2017, un ano para recordar

O Compos pecha este ano 2017 cuns números na Terceira división que falan moi ben do traballo de Yago Iglesias e compañía á fronte do cadro branquiazul. Unha segunda volta que a piques estivo de meter ao equipo da capital galega na promoción de ascenso conseguindo un total de 33 puntos dende xaneiro ata maio aos que sumar os 42 deste curso dende agosto e ata decembro. Un total de 75 puntos de 114 posibles.

23 triunfos.
Durante este ano 2017, a Esedé, sumou un total de 23 vitorias, 6 empates e 9 derrotas. Un ano con bos resultados aos que engadir os 77 goles a favor dos nosos e os 45 encaixados que amosan unha moi boa efectividade tanto ofensiva coma defensiva. 
O curioso é que en San Lázaro conseguíronse os mesmos números tanto na metade final da pasada campaña coma na primeira deste curso. 6 vitorias, 1 empate e 2 derrotas. 38 puntos na casa en 18 partidos con Fabril, Vilalonga, Choco, Boiro, Barco e Arousa coma únicos equipos capaces de saír do estadio branquiazul con puntos. 
A domicilio, despois dunha primeira volta sen vitorias fóra da casa, o primeiro triunfo chegou en San Pedro, no mesmo lugar onde chegou a primeira a domicilio desta campaña. O pasado curso, o Compos foi quen de gañar ante Ribadumia, Alondras, Ordes e Barbadás ademais de sacar un punto das visitas a As Pontes e Barco. Uns datos que melloran, moito, nesta tempada cun equipo que está a ser moi superior lonxe de Santiago. Neste caso é máis sinxelo dicir que só se resistiron O Morrazo e O Couto, onde se conseguiron dous de seis puntos posibles, e A Magdalena, onde se sumou a única derrota a domicilio do que vai de curso.

Abrimos o ano cunha nova saída. 
A segunda volta comezará coa visita do Compos á Grela 1. Novo ano que arrinca cun encontro entre os nosos e un rival da cidade da Coruña, nesta ocasión a domicilio. O partido contra o Silva ten xa data e hora: domingo 7 ás 12:15h. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario