Ante o frío, goles

O Compos conseguiu unha goleada importante ante o Negreira nun partido sen case emoción e no que os nosos amosaron unha grande efectividade de cara á porta. Cinco goles contra un rival que segue sen sumar ningún punto a domicilio e que non deixou boas sensacións. O mellor, ademais dos goles, é que o equipo durme líder da categoría e asegura o segundo posto unha semana máis se o Bergantiños consegue mañá facerse cos tres puntos. 
Saro, Alex Ares, Uña e Santi en dúas ocasións, marcando o mellor gol da xornada sen dúbida, asinaron os cinco goles nunha noite de frío en San Lázaro difícil de esquecer para os homes de Julián Ferreiro, que fixeron acto de presenza sobre o terreo de xogo cando os cinco tantos xa se podían ver no marcador. E de novo, ao alto da clasificación de equipo máis goleador. 


Manexo total.
O encontro comezou cun guión marcado e que se mantivo durante os noventa minutos. A pelota para o conxunto local e o Negreira, incapaz sequera de dar dous pases seguidos, agardando atrás intentando non recibir ocasións perigosas sobre a portería de Rodri, que tivo unha noite para esquecer. 
Non obstante, malia contar coa posesión da pelota, as ocasións non chegaban con ningunha claridade. De feito, nos primeiros vinte minutos só se puido ver un disparo de Santi que saiu por un lateral da portería e outro disparo de Tomás que petou no dianteiro branquiazul, no chan logo dun golpe contra un defensa. 

Pleno de efectividade. 
Logo dun comezo sen oportunidades entre os tres paus, cun Compos tranquilo, chegou o primeiro gol da tarde nunha xogada de equipo entre Alex Ares, Primo e un protagonista inusual. Un golazo de Saro nunha moi boa elaboración táctica que comezou con Alex Ares nunha banda e que rematou co gran gol do lateral cun potente disparo dentro da área. Un gol que serviu para aumentar algo máis a intensidade do xogo e, á contra, a piques estivo de chegar o segundo cun tiro de Rubén que saiu lambendo o pau. 
O segundo tampouco tardou moito en chegar, uns sete minutos, co que podería ser un dos goles do ano grazas, sobre todo, á súa dificultade. Santi viu adiantado ao porteiro e, dende o centro da área, non o dubidou dúas veces antes de pegarlle. O gardamallas consegue tocar a pelota pero non sacala da portería antes de botar dentro. Un golazo do dianteiro branquiazul que segue a confirmarse coma o máximo artilleiro do equipo. 
E non quixo ser menos Alex Ares. O centrocampista non tardou nin catro minutos para facer o terceiro co que se chegou ao tempo de lecer cun disparo potente dende fóra da área que, de novo, non foi quen de parar un porteiro que máis ben foi un amigo para os nosos. 

Doce minutos máis. 
O segundo tempo apenas durou doce minutos. Foi o tempo que tardou o Compos en pechar a goleada, baixar a intensidade e dar a pelota aun Negreira que puxo en perigo a Lucas en dúas ocasións, moi seguro baixo paus cando foi necesario. 
Rubén quixo o seu gol e non tardou nin dous minutos logo da reanudación en probar de novo a Rodri, mais éste mandou a pelota a córner. Dende a esquina, centro perfecto de Tomás directo á área e Uña deixou clara a súa superioridade física unha vez máis para erguerse máis ca os defensas visitantes e bater ao gardamallas cun bo testarazo.
E tamén a balón parado, con outro centro de Tomás, Santi pechou a goleada. Pelota que lle chega ao segundo pau, control do dianteiro e marca a pracer ante a mala saída de Rodri. Antes, Uña deixou pasar a pelota para o tanto do dianteiro. 

Momento para o Negreira.
Coa vitoria asegurada, a última media hora foi para o equipo negreirés. Gozaron algo máis da posesión da pelota e xogaron algo máis en campo contrario probando á defensa e a Lucas sen conseguir sequera mandar a pelota entre os tres paus con perigo. Un balón ao longueiro e outro ao pau e grazas para un equipo que segue a ter serios problemas para facer algo importante fóra da casa. 
Por parte do Compos, Rubén buscou en dúas ocasións máis facer o sexto mais non tivo unha boa noite de cara a porta perdoando ante Rodri dúas oportunidades máis, que se foron por enriba da porta. 
A boa nota é que non houbo case entradas, non houbo que lamentar de novo lesións e que puido verse un partido sen interrupcións cun Negreira que deixou xogar en todo momento.

Agora hai que ver o que fai o Bergantiños, obrigado a sumar de tres para seguir no alto da clasificación, e pensar no encontro da vindeira fin de semana contra o Vilalonga en San Pedro.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira (Sergio, min. 58); Mon, Tomás; Primo, Alex Ares (Róber, min. 61), Rubén; e Santi (Sobrido, min. 61). 
CARTÓNS: Amarelo para Alex Ares.
GOLES: 1-0 20' Saro, 2-0 27' Santi, 3-0 31' Alex Ares, 4-0 48' Uña, 5-0 57' Santi. 
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario