A Nosa Loita (xornada 17)

A loita polos postos de promoción de ascenso segue unha semana máis co Compos no segundo posto e metido de cheo na pelexa polo premio do primeiro posto do grupo. Unha pequena loita na que os postos seguen igual, co Bergantiños no máis alto da táboa e os nosos e Silva empatados a só un punto dos de Carballo.
Máis pretendentes ten o cuarto posto. Mais, despois da pasada xornada na que se enfrontaron ata seis rivais entre eles, agora mesmo só tres conxuntos poderían quitarlle o posto ao Boiro. Ademais, ata cinco equipos máis contan cunha diferenza de seis puntos co conxunto de Barraña, moi separados dos equipos que, a día de hoxe, buscan non rematar o curso con descenso de categoría.

Imparables.
Os tres equipos da parte máis alta non queren perder a oportunidade de chegar á promoción de ascenso no posto máis privilexiado. Por ese posto pasan tanto a promoción entre campións, cunha segunda oportunidade de ascender malia perder na primeira fase, coma a primeira rolda da Copa do Rei do vindeiro curso. E iso sábeno Bergantiños, Compos e Silva, que seguen con paso firme abrindo un oco co resto de equipos.
O primeiro en xogar, e durmir líder esta fin de semana, foi un Compos que non atopou rival no Negreira. O equipo de Yago Iglesias goleou ao conxunto negreirés con dous goles de Santi, un deles dende o centro do campo, Alex Ares, Saro e Uña. Cinco tantos e líder, polo menos, ata a tarde do domingo obrigando ao Bergantiños a sumar de tres.
Á mesma hora pechaban a xornada en Ribadumia e Laracha o Bergantiños e o Silva respectivamente. Os carballeses non pasaron por problemas á hora de superar ao Ribadumia con goles de Rodrigo Alonso, Rubén Rivera e Jorge Sáez. Pola súa parte, o Silva bateu pola mínima ao Laracha cun gol de Lima a dez minutos para o final para seguir a un punto do líder.

Catro en tres. Nove en seis.
Tres equipos están agora mesmo a tres puntos do Boiro. Unha loita polo cuarto posto da clasificación, único que a día de hoxe semella non ter un dono claro, na que se meten de cheo Racing Vilalbés e Barco ademais dun Choco que pode ser un xuíz importante a vindeira fin de semana, na que recibirá ao conxunto de Barraña.
O Boiro, que segue de menos a máis, sumou a súa quinta vitoria consecutiva e mantense nos postos de promoción de ascenso a tres puntos de Silva e Compos e un por enriba do cadro lugués. Unha boa xeira de resultados dun dos favoritos do grupo que aumentou contra o Arenteiro grazas a dous goles de Igor que fixeron insuficiente o tanto de Arce.
O Racing Vilalbés conseguiu bater ao quinto clasificado, o Choco, para intercambiar os postos e quedar a un punto do cadro de Barraña. Os goles de José Varela e Rubén Comesaña en propia porta serviron para deixar os tres puntos na Magdalena, achegar ao cadro de Vilalba ao Boiro e alonxar ao Choco.
Mesmo resultado se puido ver entre Barco e Alondras. En Calabagueiros, David Álvarez e Rubén García, este no engadido, superaron aos de Cangas subindo moitos postos na clasificación despois de catro xornadas sen conseguir sumar de tres. O Alondras, pola súa parte, caeu despois de cinco xornadas sumando.
A sorpresa chegou no Alcalde Manuel Candocia. O Somozas recibía a un Noia obrigado a gañar para deixar o penúltimo posto e a necesidade premiou por enriba da calidade do equipo da Ferrolterra. O cadro noiés amosou unha vez máis o nivel de San Lázaro, a súa forza, para bater a un dos favoritos polo ascenso grazas a un gol de Bendaña no segundo tempo confirmando así a sorpresa da xornada na Terceira galega.
Outro que se meteu na pelexa a pasada xornada foi o Arousa. O equipo arlequinado superou ao Céltiga sen moitos problemas no derbi da Arousa grazas a dous goles de Julio Rey e outro de Javi Pazos, dous deles no treito final do xogo. Vitoria importante para os da Lomba que se poñen agora na décima posición a cinco do Boiro.
Cos mesmos puntos, 25, queda o Arenteiro a día de hoxe despois da derrota en Barraña. Unha das sorpresas da liga, o cadro ourensán, suma a súa segunda xornada sen gañar consecutiva neste treito final da primeira volta do campionato. Non obstante, quedan a cinco puntos do cuarto malia a derrota.
E rematamos a lista co Ourense CF. Dous empates e unha vitoria nas tres últimas fins de semana meten ao equipo do Couto nesta loita aínda que moi lonxe do equipo de Barraña, a seis puntos a día de hoxe. A pasada xornada conseguiron un empate difícil en Ponteareas grazas aos goles de Edu Otero e o ex do Compos Fondevila, que igualaron un 2-0 a prol do Cultural Areas.

Os enfrontamentos directos, moi importantes.
Unha semana máis, os enfrontamentos entre os equipos metidos nas dúas loitas, terán que verse as caras uns cos outros en partidos vitais de cara ao final da campaña. Ata catro encontros medirán as forzas dos conxuntos nunha nova xornada nesta parte final da primeira metade do campionato regular.
Silva e Racing Vilalbés abrirán a xornada 17 na Grela o sábado pola tarde. O terceiro clasificado, que podería durmir líder ata a tarde do domingo, recibirá a un cadro que, de gañar, podería facelo no cuarto posto. Moito en xogo nun encontro moi importante entre dous dos pesos pesados da categoría.
A xornada do domingo comezará co encontro televisado en aberto da tempada. O Couto abrirá as súas portas para recibir ao Somozas nun partido onde os dous equipos buscarán achegarse ao cuarto posto e rematar así cunha xeira de dúas xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria.
Un dos pratos fortes é o que se vivirá na tarde do domingo en San Pedro. O Vilalonga recibirá a un Compos que non perde dende o mes de outubro e que buscará sumar de tres unha semana máis na busca dun erro do Bergantiños para volver ao alto da clasificación.
Seguindo coa loita entre a promoción de ascenso e o descenso, o Alondras recibirá no Morrazo a un Céltiga que suma dúas derrotas consecutivas e só unha vitoria en seis xornadas. Agora mesmo, un está a catro puntos dos postos altos mentres que o outro supera en cinco puntos ao Noia.
Un Noia que non poderá saír dos postos de descenso esta xornada pero que buscará os tres puntos na casa contra un Barco que xogará co partido de Redondela na mente. De feito, por ese partido pasan unha boa cousas a ter en conta na gran loita polo cuarto posto.
Choco, sétimo na táboa, recibirá ao Boiro, cuarto, nun partido polo que pasan os intereses dun total de oito equipos. Os de Redondela terán na súa man volver ao camiño da vitoria, logo de caer en Vilalba, contra un dos rivais máis duros do campionato e que chegará coa intención de sumar a sexta vitoria consecutiva que o poida achegar aos postos máis altos da táboa. 
E rematamos co líder. O Bergantiños recibirá na casa ao último en meterse nesa loita pola promoción de ascenso. O Arousa quere seguir subindo postos na clasificación contra un rival ao que só lle serve gañar para manterse por enriba de Compos e Silva e, con algo máis de sorte, abrir unha diferenza maior sobre os equipos que loitan por entrar entre os catro primeiros. Pola súa parte, o conxunto de Vilagarcía terá a misión de axudar a composteláns e coruñeses ademais de tentar aproveitar algún erro dos equipos que o superan a día de hoxe na clasificación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario