25 de outubro

Hoxe, mércores, temos catro novos precedentes na historia recente do noso Compos. O equipo branquiazul xogou tal día coma hoxe en ata catro ocasións ao longo das tres últimas décadas con tres malos resultados para os nosos intereses, rematando con tres derrotas e un empate.


25 de outubro de 1992.
Hai xa un cuarto de século, recibiamos en Santa Isabel ao filial do Real Madrid de García Remón nun partido marcado polos cartóns amarelos a xogadores locais máis que polos goles dos visitantes, que voltaron cara a capital española cos tres puntos logo dunha boa actuación sobre o campo santiagués. 
O conxunto de Castro Santos, formado por Pedro Rodríguez, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Nacho, Bodelón, Fabiano, Ochoa, Maric e Moure, aos que engadir a Cortés e Víctor; non só non puido sequera bater a Cano senón que, ademais, foi superado polo cadro branco, que se adiantou cun gol de Ramis nos intres finais do primeiro tempo e que sentenciou a goleada nos dez últimos minutos con goles de Jovicevic e Arranz contra unha Esedé que rematou con dez logo da expulsión de Bodelón e con ata oito xogadores máis amoestados. 

25 de outubro de 1995.
Xa entre os grandes, tal día coma hoxe visitabamos Ipurúa na Copa do Rei. Un partido, o de ida, que deixou con medio pé dos vascos na seguinte rolda, a falta de noventa minutos, nos que conseguiría darlle a volta ao resultado o equipo de Fernando Vázquez. 
O equipo branquiazul, formado por Fernando, Dulce, Toño Castro, Bellido, Tocornal, Virgilio, Abadía, Toni, Skocic, Passi e Paniagua, aos que engadir a Lekumberri, Mauro e Villena; non puido cun Eibar que só precisou dun gol de Bixente antes dos vinte minutos de xogo, suficiente para adiantarse na eliminatoria.

25 de outubro de 1998.
O bo resultado do día chegou na Segunda división, logo de catro anos entre os grandes. Hai 19 anos, visitaba San Lázaro o CD Toledo con Juanito e Maikel nas súas filas, ámbolos dous titulares ante os seus ex. 
O Compos de Maceda, cun once formado por Rafa Gómez, Coira, Tabuenka, Bellido, Viedma, Agirretxu, Quiroga, Fabiano, Passi, Sion e Baston e aos que engadir a Chiba e Mauricio; adiantouse cun gol de Tabuenka antes dos vinte minutos de xogo. Non obstante, antes do tempo de lecer igualou o resultado o Toledo cun gol de Quini, asinando o empate final. 

25 de outubro de 2009.
E de novo nunha tempada para esquecer, tanto en canto a resultados coma en xogo. Hai xa oito anos, chegaba a San Lázaro un Guijuelo que loitou por manter a categoría, conseguindo a permanencia na promoción final. 
O Compos, dirixido por Fabiano, un once inicial formado por Pablo Castro, Angelo, Catú, Cholo, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Mariño, Rocha e Iván e con Rubén Márquez, Centrón e Sestelo; non puido arrincar con peor pé no partido logo dun penalti de Jimmy e transformado por Karanka dende os once metros. Por contra, as opcións branquiazuis puideron aumentar logo da expulsión do porteiro visitante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario