24 de outubro

Un novo día e tres precedentes máis na historia recente do noso Compos, nesta ocasión sen tan bos resultados coma onte. De feito, hai tres partidos xogados tal día coma hoxe e que remataron con un empate e dúas derrotas dos nosos na Segunda e na Segunda B.


24 de outubro de 1993. 
Comezamos na Segunda división, na tempada do ascenso á Primeira. Partido en Santa Isabel ante o Hércules de Alacante e segundo empate en Liga dos nosos na xornada 8, ata a que só se deixaron 5 puntos antes na derrota contra o Real Burgos e no empate contra o Betis en dúas xornadas consecutivas. 
Con Castro Santos no banco da Esedé, un once formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José e Moure e Pichi Lucas saíndo dende o banco de suplentes; o Compos foi quen de adiantarse no marcador antes de cumprirse a hora de xogo grazas a un tanto de Moure, que entrara no tempo de lecer ao terreo de xogo. Mais, o Hércules de Quique Hernández loitou ata o final para levarse, polo menos, un punto. E foi outro suplente, Palomino, quen asinou a tres minutos para o final o gol que deixaba a igualada no marcador.

24 de outubro de 1999. 
Da tempada do ascenso á Primeira división á segunda campaña na categoría de prata. Era o momento de visitar ao Lleida de Víctor Muñoz, que sumaba só unha derrota nos cinco últimos partidos amosando unha mellora en canto a resultados. Unha xeira positiva do cadro catalán que aumentou coa visita branquiazul.
David Vidal no banco, acompañado por Rubén Estévez, Viedma e Gudelj entre outros, e un once titular formado por Rafa Gómez, Mauro, Biscay, Saula, Bellido, Villena, Roberto, Díaz, Lekumberri, Cabarcos e Changui para buscar sacar algo importante do Camp D'Esports de Lleida, onde se quedaron os tres puntos grazas a dous goles de Roa e outro de Josemi de penalti. Antes, Changui foi quen de igualar o resultado co único gol santiagués.

24 de outubro de 2015.
E rematamos con outra derrota, nesta ocasión hai dous anos, a mans do Guijuelo en San Lázaro. Un partido para esquecer dos homes de Iñaki Alonso nun comezo de tempada que deixou sen opcións tanto a Alberto Mariano coma a Fredi na segunda volta do campionato sendo imposible salvar ao equipo dun novo descenso. 
O adestrador vasco sacou un once formado por Pato, Jesús Varela, Catú, Sergio, Jimmy, Joaquín, Mon, Marcos, Rubén Sánchez, Chiño e Goti, aos que logo engadir a Orbegozo, Dani Hernández e Moreno. Un equipo que, ademais de non poder bater a Kike Royo, encaixou un gol a cinco minutos para o final do primeiro tempo, obra de Carlos. Ademais, o Compos rematou con dez pola expulsión de Marcos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario