Erguerse é obrigatorio

Polo momento está permitido caer, mais é obrigatorio erguerse. E logo de dúas derrotas consecutivas e un dos peores partidos en canto a xogo do equipo branquiazul, estamos ante o momento perfecto para volver ao camiño da vitoria. E é que a Esedé visitará este sábado Os Carrís, o campo onde sumou a derradeira vitoria do pasado curso e onde as cousas non serán nada fáciles nun terreo un tanto diferente ao que estamos acostumados neste arrinque de campaña.


Invictos.
Diante estará un Barbadás que abrirá as portas dos Carrís. O campo ourensán descoñece non só a vitoria visitante neste curso, sendo o Compos o último que conseguiu saír de alí con algún punto logo de pechar a tempada pasada con vitoria a domicilio. De feito, nesta campaña levan dous partidos na súa casa e dúas vitorias sen encaixar tampouco ningún gol ante a súa afección.
O conxunto ourensán suma 6 puntos de 15 posibles logo de facer pleno de vitorias na casa e non conseguir ningún punto nas tres saídas, nas que só foron quen de facer un gol. Unha boa xeira como local que buscarán manter ante un Compos en horas baixas logo de abrir a tempada con vitoria ante o Ribadumia e superar hai xa tres semanas ao Racing Vilalbés, aos dous pola mínima.
Trátase dun bo equipo defensivo mais non dun que se destaque por goleador. Con 3 goles ao seu favor, dous deles serviron para sumar os seis puntos que suman, apuntan ao equipo barbadés como o menos goleador da clasificación igualado co Choco no final desta lista. Por outro lado, tamén se trata dun dos equipos que menos goles recibiu ata o de agora con só 5 goles encaixados, todos a domicilio, superado por tres dos catro equipos dos postos de promoción de ascenso, Vilalonga e Barco.
A nivel individual, contan con bos xogadores en todo o campo. mesturando xuventude e experiencia. Polo de agora, hai que salientar a Baghough, Caique e Alberto Marcos, autores dos tres tantos para a UDC Barbadás.

Diferente terreo, talismán branquiazul.
Polo de agora, o Compos visitou en dúas ocasión o campo artificial dos Carrís. Un terreo e dimensións diferentes aos que está acostumada a Esedé pero que non evitaron un pleno de vitorias branquiazul, sempre con problemas e emoción ata o final.
Dous resultados moi axustados, con vitorias pola mínima dos nosos tanto no 2013, con gol de Marcos Suárez, coma no 2017, onde Cardeñosa e Samuel conseguiron dar a volta ao resultado logo do gol de Igor no arrinque do segundo tempo. Foi este último un partido que sempre estará na historia da Esedé xa que alí despediron as súas carreiras deportivas Cabrejo e David Rey.

Dúas e dúas.
Os dous equipos pasan por un mal momento en canto a resultados. De feito, ámbolos dous conxuntos suman dúas xornadas sen puntuar e, no caso do Compos, perdendo incluso o bo xogo co que arrincou a tempada rompendo unha boa xeira de resultados.
Os últimos resultados da Esedé xa todos os coñecemos. Chegaron á cuarta xornada con tres vitorias consecutivas e na Magdalena quedaron os tres puntos e desapareceu o bo fútbol. Logo dun primeiro tempo con ocasións e perigo, corenta e cinco minutos que amosaron o que se viu hai días en San Lázaro ante o Boiro, nun dos peores partidos que se recordan nos últimos anos e que rematou cun enfado xeral nas bancadas do estadio branquiazul, con máis asistencia do que nos tiña acostumados o ano pasado. Sete goles en contra e só un a favor marcan os últimos 180 minutos da Esedé.
Pola súa parte, o Barbadás suma dúas saídas consecutivas antes de volver á súa casa para recibir ao Compos. Dúas saídas que, ao igual que na segunda xornada en Laracha, remataron con derrota para os ourensáns. Barraña e As Eiroas, dous dos campos máis complicados da categoría, quedaron grandes para o equipo azul, que caeu pola mínima ante Boiro, ao que buscaron poñer contra as cordas cun gol, e Bergantiños, que si deixou a súa porta a cero.

Que sexan tres.
Unha semana máis, o Compos contará con tres baixas importantes para a cita desta fin de semana. No centro do campo, Ube e Diego Rey ultiman a súa volta aos terreos de xogo. Os dous futbolistas, pezas importantes durante a tempada pasada ás ordes de Yago Iglesias, xa traballan en San Lázaro II e xa están a piques de volver co resto dos seus compañeiros para a loita por un posto no equipo titular.
Por contra, alguén que semella que tardará máis en volver ao campo é Primo. O dianteiro cántabro ten aínda por diante varias semanas máis de recuperación e pelexar por estar de novo nun posto que ante o Boiro ocupou Sobrido.
A eses tres hai que engadir dúas posibles dúbidas ata última hora. Alex Ares e Samu non puideron adestrar durante a semana por gastroenteritis. Dúas pezas que, de non poder estar nos Carrís, poden ser baixas moi importantes.

Un día antes.
Nesta fin de semana, na que se xoga case o total dos encontros na tarde do domingo, o Compos será o primeiro en rematar a súa cita. Será o sábado ás 18:30h nos Carrís, no pobo ourensán de Barbadás, e quen queira asistir terá entradas por 10 euros.
Pola contra, quen non poida ir ao partido poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario