20 de setembro

Se onte foi un mal día en canto a resultados, hoxe non traemos algo mellor. De feito, catro precedentes nun día coma hoxe e catro partidos que non puido gañar o noso Compos con dous empates e outras tantas derrotas na Segunda división e na Segunda B. Catro citas dende o ano 1992 ata 2015 e só unha delas en San Lázaro.


20 de setembro de 1992.
Hai xa un cuarto de século, o Compos visitaba ao xa desaparecido Atlético Marbella para un encontro que rematou con derrota da Esedé e, sobre todo, un gran número de cartóns. De feito, ata dez cartóns amarelos e un vermello para un partido que se definiu a escasos minutos do final do xogo.
No Municipal de Marbella, Castro Santos sacou un once formado por Docobo, Víctor, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Nacho, Bodelón, Cortés, Fabiano e Moure, aos que engadir os substitutos Cea e Maric. Un equipo que, malia conseguir rematar con once a diferenza do conxunto local, non puido facerse cos tres puntos. Cortés puxo por diante aos nosos pero Tilico, gran protagonista, conseguiu o empate logo da reanudación e asinou a remontada definitiva a cinco minutos para o final sobrepoñendo ao seu equipo á expulsión de Chaparro.

20 de setembro de 1998.
De novo na Segunda división meses despois do descenso, o Compos visitaba tal día coma hoxe o Nuevo Vivero de Badaxoz. Un partido no que, nesta ocasión si, puntuaron os nosos malia chegar ao tempo de lecer cunha diferenza no marcador algo cómoda.
O Compos de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, William Amaral, Villena, Nacho, Fabiano, Quiroga, Passi, Lekumberri, Sion e Prieto, aos que engadir os substitutos Popov, Bellido e Cabrejo; saltou ao terreo de xogo con forza e marcando un gol xusto no comezo, obra de Prieto. Un gol que poñía as cousas de cara para o noso equipo moi cedo. Non obstante, as cousas se puideron poñer de costas coa expulsión de Villena por dobre amonestación antes da media hora mais apareceu Sion para poñer terra de por medio.
O segundo tempo non foi tan bo para os nosos, en inferioridade, xa que Bisconti non precisou máis de tres minutos para recortar diferenzas. Os trocos tamén serviron ao equipo local para, a cinco do final, conseguir o gol do empate, obra de Carlos Torres.

20 de setembro de 2014.
Hai tres anos, xa na categoría de bronce, sumabamos unha nova derrota. Un partido difícil en San Lázaro ante un gran rival, a UD Logroñés, e que se puxo costa arriba cando todo facía pensar en, polo menos, un reparto de puntos.
O Compos de Iñaki Alonso na primeira tempada do adestrador vasco recibía tal día coma hoxe ao equipo rioxano cun once formado por Ramón, Portela, Alcañiz, Catú, Jimmy, Moreira, Teles, Manu, Marcos, Navarro e Jordan, aos que sumar aos substitutos Quim, Iván Moya e Lemos. Un equipo que non foi quen de marcar ante un dos grandes da categoría e que recibiu o primeiro golpe a quince minutos para o final coa expulsión de Catú. Con dez, na seguinte ocasión chegou o gol de Titi para sumar os tres puntos.

20 de setembro de 2015.
E pechamos o día con outra cita na Segunda B na tempada seguinte con Iñaki Alonso de novo no banco. En Pasarón, ante o Pontevedra, os nosos non puideron pasar do empate sen goles ante un equipo no que militaba un coñecido: Tomás, que non pasou dos vinte minutos sobre o terreo de xogo.
A Esedé buscaba sumar a segunda vitoria do curso ou, polo menos, acabar coa xeira de tres partidos consecutivos perdendo. E no feudo granate, o equipo santiagués, formado por Pato, Josu, Catú, Sergio, Jimmy, Moreno, Marcos, Goti, Jordan, Orbegozo e Dani Hernández, aos que engadir aos substitutos Joaquín, Oliva e Jesús Varela; non puido sequera achegarse á porta de Edu nun partido sen case emoción nin ocasións de perigo.
Cabe lembrar tamén que Tomás, que meses despois chegaría a Santiago para quedarse, saiu ao terreo de xogo aos vinte minutos do segundo tempo e a cinco do final viu un cartón vermello directo que deixaba aos seus cun home menos sobre o campo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario