9 de setembro

Un bo día. Así se pode calificar o 9 de setembro dentro da historia recente da Esedé. De feito, só contamos con dous precedentes en días coma hoxe e que, ademais, remataron os dous en vitoria sendo un deles nunha eliminatoria de Copa do Rei. Outro dato importante é que os dous rivais son equipos xa desaparecidos: o Pegaso e o Universidad de Las Palmas.


9 de setembro de 1990.
Primeira tempada da década dos 90 e o Compos despediría ese mesmo ano a Segunda B para non volver ata o ano 2001 da man de Fernando Castro Santos. Unha tempada que non puido comezar mellor para os nosos na casa cunha vitoria por goleada ante o Pegaso, equipo madrileño xa desaparecido.
Santa Isabel inauguraba a súa última tempada na Segunda B cun gran encontro da Esedé. Un partido onde o adestrador pontevedrés sacou un once formado por Docobo, Víctor, Tono, Cea, Cao, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure, aos que engadir a Juanito e Mella, un once que conseguiu unha das mellores goleadas nos últimos anos.
Julio e Moure puxeron unha diferenza de dous goles no luminoso antes do tempo de lecer. Outros dous caeron nos dez primeiros minutos logo da reanudación, obra de Toñito e de novo de Julio, que asinou o primeiro doblete da tarde. Moure, que fixo tamén o segundo na súa conta particular, e Mella pecharon a goleada con dous tantos máis. Seis goles aos que engadir que o Pegaso, xa co resultado pechado, remataron con nove homes sobre o terreo de xogo polas expulsións de Ríos e Mengibar, os dous por cartón vermello directo.

9 de setembro de 1998.
De volta na Segunda división, o Compos tiña unha cita máis coa Copa do Rei. Sete días despois de empatar ante o Universidad de Las Palmas en terras canarias, chegaba a volta en Santiago. Un partido onde os nosos tiveron que darlle a volta ao marcador nun xogo onde a Esedé foi superior.
Con Maceda no banco, o equipo branquiazul saiu cun once formado por Ponk, Bellido, Villena, Toño Castro, Tabuenka, Cabrejo, Viedma, Passi, Lekumberri, Bastón e Prieto, aos que engadir a Popov, Sion e Fabiano; houbo que darlle a volta ao partido logo dun gol de Lekumberri en propia porta. Mais, logo da expulsión de Guillermo Castro e da saída de Cabrejo do terreo de xogo, chegou o primeiro gol de Prieto.
Xa no segundo tempo, as cousas complicáronse co paso dos minutos para o Universidad de Las Palmas e chegouse aos cinco últimos minutos, intensos, co empate no marcador. Pero unha nova expulsión no equipo canario, Castro nesta ocasión, foi o aviso do segundo gol branquiazul, de novo obra de Prieto, no último minuto do tempo regulamentario.
Vitoria branquiazul e á segunda rolda, onde tería que enfrontarse ante o Las Palmas nunha nova viaxe longa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario