8 de setembro

O Compos volvía á Segunda B logo de once anos polas dúas máximas categorías do fútbol nacional. Unha volta á división de bronce que arrincaba, sete días atrás, coa vitoria sobre o Alavés B en San Lázaro. Pois ben, tal día coma hoxe había que visitar a outro filial da categoría, dos cinco que se xuntaron nun grupo.


8 de setembro de 2001. 
Primeira saída na Segunda B dende que a Esedé xoga en San Lázaro e punto importante, traballado ata o final e, para variar, con máis complicacións do normal. De feito, como xa ven sendo habitual, o equipo dirixido por Luis Ángel Duque rematou con ata dous homes menos sobre o terreo de xogo co colexiado López López como un dos grandes protagonistas.
Derbi contra o Celta B de Milo Abelleira, pai do actual xogador da Esedé Tomás Abelleira, co obxectivo principal de sumar tres puntos importantes para seguir polo bo camiño cara ao ascenso á Segunda división. Un filial onde hai que salientar a presenza de futbolistas coma o actual gardamallas do Lugo Roberto, os ex do Compos Jorge Rodríguez e Jacobo Campos, Borja Oubiña ou Jonathan Aspas, actualmente no fútbol italiano.
Por parte do Compos de Duque: Rafa Gómez, Pinillos, Biscay, Chema, Castiñeiras, Pignol, Aguado, Rubén Estévez, Arquero, Mino e Juanito no once titular e Adriano, Rodri e Sergio Gómez saíndo dende o banco. Un bo equipo que remataría dando unha boa nova á familia branquiazul ao final da tempada pero que arrincou este xogo por debaixo no marcador con gol de Alberto García, resultado co que se chegou ao final dos primeiros corenta e cinco minutos.
Máis sorte houbo nunha segunda parte con todo. Aos vinte minutos logo da reanudación, o Compos quedou con nove homes polas expulsións de Biscay e Pignol pero iso non evitou a insistencia na busca do gol, que chegou a dous minutos para o final cun tanto obra de Sergio Gómez logo de media hora sobre o terreo de xogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario