Primeira excursión

O Compos terá este domingo a súa primeira excursión fóra de Santiago. O equipo adestrado por Yago Iglesias buscará esta fin de semana manter os bos resultados durante este curso nun campo complicado e ante un rival nada doado que vén de perder na primeira xornada do campionato ante o Barbadás pola mínima. 
A Senra abrirá por primeira vez as súas portas nesta nova campaña para acoller un partido interesante entre dous equipos que só se enfrontaron nunha ocasión no campo ribadumiense: na segunda cita deste mesmo ano 2017 e que rematou con vitoria branquiazul, a primeira a domicilio da pasada tempada logo dunha volta enteira sen conseguir traer os tres puntos cara Santiago. 


Na busca do gol. 
Este verán, o equipo do Salnés arrincou o novo curso cunha baixa moi importante: a saída de Changui do equipo logo de catro anos e medio defendendo as cores do Ribadumia. O dianteiro de Boiro, ex da Esedé, foi unha das pezas importantes no ascenso á Terceira división marcando, nestas algo máis de catro tempadas, máis de cen goles para o conxunto aurinegro, case a metade dos goles do seu equipo en todo este tempo. Así é que coa súa marcha, o gol quedou sen dono no equipo da Senra. 
Sen el, o Ribadumia notou problemas para marcar cun Hugo Soto incapaz de superar á defensa do Barbadás. Ademais, Fran Fandiño e Filgueira non tiveron a súa mellor tarde nos Carrís nun partido onde os homes de Luis Carro buscaron o gol e a vitoria, en gran parte do xogo, con balóns directos e contras, que non chegaron a bo porto. 
Non obstante, malia contar aínda con algún que outro problema á hora de marcar goles, o Ribadumia amosou un bo nivel en defensa sen cometer case erros na primeira data deste novo campionato no que, repetimos, caeu ante o Barbadás nos Carrís por un gol de diferenza. 

Onde comezou todo.
A pasada tempada, o Compos chegou ao partido ante o Ribadumia na Senra sen coñecer a vitoria a domicilio ata ese momento. Si ben é certo que antes sumáronse catro empates consecutivos, nesa visita á Comarca do Salnés chegou un dos resultados máis esperados. Tres puntos moi traballados na que foi, ata o de agora, a única visita branquiazul.
Diego Rey fixo o primeiro tanto dese encontro a cinco minutos para o final do primeiro tempo. Un gol difícil de esquecer e que foi nomeado a un dos mellores do campionato. A vitoria pechouna, xa no engadido Tomás co segundo gol a pase tamén de Diego Rey, que asinou unha gran segunda metade. 

Mesmo obxectivo.
A tempada acaba de comezar e os dous equipos chegan a esta segunda xornada co mesmo obxectivo: acadar a vitoria. O Compos, que deixou moi boas sensacións ante o Silva, buscará a segunda vitoria consecutiva mentres que o Ribadumia quere regalar á súa afección a primeira vitoria dun curso onde o fito final é a permanencia. 
O Silva non puido ser rival ante un Compos que, moi cedo, xa se puxo por diante no marcador. Un gol de Rubén serviu para abrir a lata aos catro minutos e Rober puxo terra de por medio antes dos vinte minutos, cun fútbol moi atractivo. Na segunda metade, o Silva achegouse á porta de Lucas e recortou diferenzas cun tanto de Lima aos que responderon Sobrido, cun golazo espectacular, e Santi aproveitando un erro.
Pola súa parte, o Ribadumia non foi quen de superar ao Barbadás en terras ourensás. O cadro pontevedrés defendeu con todo, buscou o gol á contra e cun fútbol máis directo pero topouse co tanto local. Iván Parada foi capaz de frear o primeiro disparo mais Ilyes non perdoou no rexeite asinando o único tanto do encontro. 

Dúas baixas. 
Ao igual que ante o Silva, Yago Iglesias conta con dúas baixas moi importantes para esta primeira saída do curso. Diego Rey, que segue a recortar semanas na súa volta ao traballo, e Ube non poderán entrar nos plans do adestrador para esta fin de semana nun campo que conquistaron no pasado mes de xaneiro, sendo os dous titulares nesa cita importante co lugués autor dun gol e dunha asistencia.
Pola súa parte, no Ribadumia hai que falar da baixa segura de Filgueira. O extremo viu dous cartóns amarelos, e polo tanto un vermello, durante a segunda metade en Barbadás e non poderá estar por sanción.

Domingo pola tarde.
O domingo xogarase pola tarde, agás dous encontros, toda esta segunda xornada na Terceira galega. A visita branquiazul á Senra dará comezo ás 18 horas e o prezo das entradas será, como é habitual, de 10 euros por persoa. 
Quen, por contra, non poda asistir ao pobo ribadumiense poderá seguir en directo o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario