Fútbol, goles e pizza

A primeira xornada de Liga en San Lázaro non puido arrincar mellor. Unha tarde con moita calor na capital e onde se puido gozar dun bo partido con goleada branquiazul contra un Silva con moito por mellorar. Catro goles, e puideron ser máis, que confirman a candidatura branquiazul para rematar ao final da tempada entre os catro primeiros, onde xa se atopa na táboa logo desta vitoria.
Goleada a vivida en San Lázaro que non fai máis que demostrar o vivido sobre o terreo de xogo. Gran partido dos nosos, superando case todo o tempo aos coruñeses, e con moitas posibilidades de conseguir algo moito mellor. Gran partido dos novos xogadores comezando por Álvaro Casas ou Alex Ares e pasando polas estreas como goleadores branquiazuis de Rober e Sobrido, que ademais o fixo ao grande, cun gol difícil de esquecer. Ademais, Rubén e Santi non esqueceron de como se marcan goles abrindo e pechando a goleada respectivamente. 


Primeiro tempo case perfecto. 
O primeiro tempo do Compos non deixou case nada que mellorar. Bo fútbol, posesión case total do conxunto branquiazul e dous goles para encamiñar a vitoria. Uns goles que non tardaron en chegar xa que Rubén abriu a lata aos catro minutos de xogo a pase de Alex Ares, un dos grandes protagonistas no ataque branquiazul. 
Dende o comezo, o perigo pasou polas botas do extremo de Pontedeume e, aínda que non puido marcar, si foi quen de asistir. Así o fixo antes dos cinco minutos cun balón que pasou atrás dende a liña de fondo e, logo de non conseguir despexar un defensa, que mandou Rubén ao fondo das redes facendo o primeiro dunha tarde que semellaba aínda máis interesante. 
O gol non fixo que o equipo baixara a intensidade ante un Silva que non era quen de roubar a pelota e, menos aínda, poñer en perigo a porta defendida por Lucas. De feito, só conseguiron achegarse á porta local nunha ocasión cun disparo dende lonxe que saiu por enriba da meta. Unha ocasión que serviu como aviso para poñer terra de por medio, para aproveitar a superioridade cada minuto máis clara. 
Se no primeiro tanto foi Ares, escasos minutos despois Primo buscou asistir tamén a Rubén. Non obstante, o ex do Arousa non foi capaz de acertar co remate e Rober, que chegaba dende atrás, non perdoou ante un Damián que, malia a goleada, tivo unha boa tarde evitando unha festa de goles aínda maior. 

Evitou males maiores.
Damián non arrincou o partido do mellor xeito encaixando dous goles mais co tempo foi arranxando erros da súa defensa que puideron saír moi caros ao Silva. Estivo a piques de evitar o segundo gol e mantivo con opcións aos seus durante gran parte do encontro. De feito, o gardamallas coruñés foi o peor pesadelo baixo paus dun Primo que non foi quen de batilo. 
O dianteiro cántabro da Esedé topouse con el en dúas ocasións moi claras antes do tempo de lecer mais o autor da mellor ocasión errada ante Damián foi Alex Ares. Penalti de Real sobre Rubén, que estivo en todas, e o extremo non foi quen de materializar a pena máxima. 

Baixada de tensión. 
O paso por vestiarios pareceu sentar mellor aos visitantes, que se fixeron coa posesión da pelota durante os primeiros minutos e puxeron en perigo a porta de Lucas en máis ocasións. De feito, esa baixada, esa tranquilidade, fixo que o Silva puidera meterse no partido a media hora para o final cunha das materias aínda por mellorar dende o ano pasado. 
Case sen aviso previo pero logo de igualar as forzas sobre o terreo de xogo, a balón parado conseguiron meter o medo no corpo local cun gol con algo de sorte, xa que entra logo de petar primeiro no longueiro e logo en Lucas, que puido facer algo máis. 

Os trocos, importantes.
Dos tres trocos feitos por Yago Iglesias hai que salientar a dous. Sobrido apareceu sobre o terreo xogo e provocou as mellores oportunidades pola banda esquerda, da que se fixo dono ata a entrada de Santi. O mesmo Santi tamén aumentou o perigo sobre a porta contraria dende a súa entrada evitando que o Silva puidera sacar algo positivo, como se chegou a pensar en certos momentos do xogo onde se vía máis preto o empate que o terceiro dos nosos. 
Sobrido chegou ao Compos procedente da base do Celta co cartel de goleador e na estrea na súa nova casa amosou unha calidade superior á categoría. Pola esquerda, o ex celeste parouse, sentou a un defensa cun caneo e pegoulle case sen ángulo. Damián non puido facer nada para evitar un gol difícil de esquecer. 
Outro que tampouco poderá esquecer o partido será Lema. O lateral equivocouse no terceiro tanto branquiazul e asistiu a Santi para que o dianteiro fixera o cuarto cinco minutos despois. O de Navia, que presionou á defensa dende a súa entrada, aproveitou un mal pase do silvista para o porteiro, que se quedou a media saída, e o 'killer' branquiazul só tivo que irse do porteiro cun caneo antes de marcar a pracer. 

Goleada cómoda da Esedé nesta primeira xornada, que arrinca do mellor xeito posible na que pode ser a volta do equipo á Segunda B. Polo de agora, cuartos e a pensar xa no Ribadumia. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Uña, Naveira; Casas, Mon; Rober, Ares (Samu, min. 84), Rubén (Sobrido, min. 55); e Primo (Santi, min. 80). 
CARTÓNS: Amarelos para Primo, Naveira e Casas. 
GOLES: 1-0 4' Rubén, 2-0 17' Rober, 2-1 66' Lima, 3-1 77' Sobrido, 4-1 82' Santi.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario