Novo reforzo para o ataque

O Compos segue a buscar a melloría no equipo a algo máis de dúas semanas para o comezo da liga. E horas antes de estrearse na Copa Deputación, o equipo branquiazul fixo oficial unha nova chegada para o primeiro equipo. José Sobrido González chega en calidade de cedido dende o Celta, onde acaba de rematar a súa formación coa intención de coller experiencia e formar parte do filial celeste a vindeira tempada.
Un referente ofensivo durante a súa formación chega á capital galega para seguir reforzando o cadro que adestra Yago Iglesias. Un rapaz cun futuro moi esperanzador, con moito gol nas súas botas e que afrontará na Esedé o seu primeiro reto a nivel profesional logo de estrearse xa en pretempada no filial celeste o pasado verán.
Sobrido comezou a súa andaina na base do Xuventude Aguiño chegando ao Celta na etapa de cadetes, anotando nos seus dous primeiros anos como celeste un total de 77 goles. A súa facilidade para facer gol abriulle as portas do xuvenil de Liga Nacional no que fixo, na súa primeira campaña, un total de 25 goles en 33 encontros conseguindo neste caso a oportunidade de facer a pretempada o ano seguinte co filial, co que se mancou. Volveu ao xuvenil, recaeu da mesma lesión á súa volta aos campos e, xa recuperado totalmente, rematou a tempada cun total de 9 goles. 
No xuvenil A vigués tamén foi quen de facerse un oco importante no equipo titular e, entre Liga e Copa do Rei, anotou un total de 17 goles, moitos deles importantes para a boa tempada do conxunto vigués. 
Agora chega para axudar en ataque a Santi e Primo e asina ata final de tempada. 

E falta un defensa.
Os partidos que de momento leva xogados o Compos están deixando unha mostra de que falta un central máis no equipo. Só Uña e Cardeñosa teñen ficha no primeiro equipo e Queiruga e Vilariño seguen na loita por gustar ao adestrador e asinar o seu primeiro contrato cos maiores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario