24 de xuño


Hoxe temos un precedente importante na historia da Esedé e de Santiago. Non se trata de ningún partido do Compos nin de ningún fito histórico do clube senón da inauguración do Multiusos de San Lázaro. Tal día coma hoxe, hai 24 anos, abría as súas portas a que agora é a nosa casa. Un campo que viviu dende fútbol de Primeira ata partidos na Preferente. Moitos ascensos, descensos, choros, risas, boas e malas novas... miles de cousas para o recordo. 

24 de xuño de 1993.
O estadio santiagués, onde se puideron vivir moitas citas importantes non só de fútbol, abría as súas portas por primeira vez hai 24 anos non para un partido do Compos, dono co permiso do Concello de Santiago, senón para un torneo amigable onde Deportivo, Tenerife, River Plate e Sao Paulo estrearon o verde. Coruñeses e arxentinos foron, ademais, os encargados de xogar o primeiro encontro cun gol de Bebeto que sempre será recordado por ser o primeiro da historia do estadio. 
Na tempada 93/94, o Compos cambiou Santa Isabel por San Lázaro conseguindo no mes de maio un cheo importante ante o Rayo Vallecano no partido de volta da promoción de ascenso. Porén, o mellor estaba por chegar. Barcelona, Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia... moitos foron os equipos importantes que pasaron polo teatro dos soños branquiazul e moitos foron os que se deixaron puntos importantes. 
Un empate ante o Madrid na primeira tempada na élite, sendo o primeiro equipo ao que non conseguía superar o conxunto branco na 94/95 entre primeira e segunda volta. Un gran 4-0 meses despois ante o Deportivo e un 2-1 ante o Barcelona nun triunfo histórico. Mesmo resultado nese curso ante o Athletic e novo empate para recordar ante o Real Madrid con ata 6 goles. Vitoria ante o Atlético de Madrid no 96 e empate ante o Barcelona e vitoria contra o Valencia no 98, na última tempada na Primeira división. 
6 ascensos e outros tantos descensos vividos no campo. Pasando por Primeira, Segunda, Segunda B, Terceira e Preferente. Moitos goles, moito fútbol e moitos xogadores que pasaron polas filas do Compos nestes anos onde podemos destacar a homes coma Ohen, Bellido, Fabiano, Nacho, Jimmy, Catú, Joselu, Castro Santos, David Vidal, Fernando Vázquez... 
Pero non só foi a casa do noso Compos. O Ciudad de Santiago tamén xogou titular en San Lázaro durante tres tempadas, dende 2006 a 2009. A Selección Galega superou a Uruguai nun enfrontamento no 2005 e a Selección Española feminina, liderada pola picheleira Vero Boquete, goleou a Austria en 2012. Ademais, hai que engadir que non só se xogou a fútbol, senón que tamén se puido vivir un España-Portugal de rugbi con empate a 9 puntos.
24 anos e todos os que non quedan por vivir no noso campo, na nosa casa. Un estadio que este ano poderá vivir o seu sétimo ascenso, de novo á Segunda B.

Ningún comentario:

Publicar un comentario