29 de maio


A piques de rematar o mes de maio, tal día coma hoxe hai 18 anos xogaba o Compos en San Lázaro ante o Numancia sen nada importante en xogo polo que loitar. Un partido que, pola súa parte, si era importante para os sorianos xa que daquela pelexaban por ascender á Primeira división, obxectivo que conseguiron ao final da campaña grazas ao terceiro posto na clasificación.

29 de maio de 1999.
O Compos estaba a piques de rematar a súa primeira tempada logo de caer dende o máis alto. Unha Segunda división onde se atopaban grandes equipos como Málaga, Sevilla, Rayo Vallecano, Osasuna ou o propio Numancia e na que os nosos conseguiron a permanencia sen problemas varias xornadas antes de rematar o curso.
Ante o conxunto castelán, o Compos saltou ao terreo de xogo cun once formado por Carlos, Mauro, Coira, Bellido, Viedma, Nacho, Chiba, Fabiano, Lekumberri, Salapasidis e Prieto, aos que logo engadir a Passi e Sion. O partido, onde os visitantes foron superiores, rematou con vitoria do Numancia grazas a un gol de Javi Moreno a piques de chegarse ao tempo de lecer. Unha derrota do noso equipo que daba comezo a unha xeira de tres partidos sen coñecer a vitoria, que si se conseguiu na despedida da tempada tres semanas despois ante o Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario