22 de maio


A piques de rematar a tempada e irse de vacacións os nosos xogadores, temos dous novos precedentes na historia recente do noso Compos e cunha curiosidade en común. E é que tal día coma hoxe, aínda no século pasado, o noso equipo viaxou nas dúas ocasións a terras catalás na Segunda división para enfrontarse a Barcelona B e Lleida. 

22 de maio de 1993. 
Comezamos coa visita do Compos ao Miniestadi hai hoxe 24 anos. Partido entre dous galos da categoría que remataron na zona media da clasificación nunha das últimas tempadas en Segunda con 20 equipos. 
Corría a xornada 34 do campionato e o Compos de Castro Santos visitaba Barcelona cun once formado por Docobo, Tocornal, Bellido, Cea, Modesto, Nacho, Ochoa, Fabiano, Carlos Alberto, Ohen e Pichi Lucas, aos que sumar no segundo tempo a Moure e Cortés. Un partido igualado entre os dous conxuntos e un final onde os nosos asinaron dous goles para levarse os tres puntos, moi importantes. Bellido fixo o primeiro xa no minuto 83 e Moure pechou o resultado co segundo no engadido.

22 de maio de 1999.
Seis anos despois chegou unha nova vitoria dos nosos dende Cataluña. Visita ao xa desaparecido UE Lleida e gran triunfo dos nosos nun encontro con ata dúas remontadas importantes. Cinco goles nun bo encontro, igualado, e que rematou tamén con ata tres xogadores expulsados. 
Un once formado por Carlos, Mauro, Bellido, William Amaral, Tabuenka, Viedma, Agirretxu, Fabiano, Passi, Salapasidis e Mauricio, aos que sumar a Prieto, Sion e Chiba durante o segundo tempo, e que comezou por diante no marcador grazas a un gol de Fabiano dende os once metros. Esa non foi máis que unha das numerosas faltas que se puideron ver no partido con ata 18 cartóns amarelos, nove por equipo, e tres expulsados. Sabin Ilie no primeiro tempo e Roa no segundo conseguiron dar a volta ao resultado pero Sion e Fabiano, de novo dende os once metros, puideron superar a un equipo con nove. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario