21 de maio


Agora coa promoción en xogo para moitos e a escasos días das vacacións dos nosos, temos que recordar dous precedentes do Compos tal día coma hoxe. Dous partidos no treito final das tempadas 1994/95 e 1999/00, os dous en Santiago e ante rivais importantes que están a pasar por un bo momento.

21 de maio de 1995.
Un bo Compos, que se salvou na derradeira xornada de ocupar un dos postos de promoción de permanencia na súa estrea na categoría de ouro do fútbol español, recibía tal día coma hoxe en San Lázaro ao Sevilla. Un Compos que inaugurou o novo estadio esa tempada cun gran rexistro como local, que non puido manter ante o conxunto andaluz.
A cinco xornadas para o final do campionato, a Esedé saltou ao terreo de xogo de San Lázaro con Iru, Bellido, Tocornal, Modesto, Lekumberri, Llorente, Fabiano, Passi, Abadía, Ohen e Arensoe, aos que sumar a Toño Castro e Moure. Un encontro onde o Sevilla tardou máis de media hora para adiantarse no marcador cun gol de Moya. El mesmo fixo o segundo á hora de partido e Suker anotou a sentenza. Rafa Paz pechou a goleada co cuarto gol a tres minutos para o final.

21 de maio de 2000.
Non se trata neste caso dun equipo con cinco copas da UEFA no seu palmarés mais si dun conxunto que hai poucas semanas conseguiu un novo ascenso á Primeira división. O Levante pasaba por San Lázaro hai 17 anos a tres xornadas para o final do campionato nun partido que puido custar aos valencianos o ascenso á máxima categoría, que lles quedou a cinco puntos.
A Esedé saltou ao terreo de xogo cun once formado por Rafa Gómez, Biscay, Saula, Adriano, Hoekstra, Fabiano, Díaz, Lekumberri, José Manuel, Gudelj e Changui, aos que sumar logo a Mauricio, Sion e a lenda Cabrejo. O Levante adiantouse no marcador cun gol de Aurelio aos 12 minutos ao que rápido respondeu Lekumberri co empate e Fabiano co segundo antes do tempo de lecer. Na segunda metade remataron o traballo Gudelj e Changui con dous goles máis pechando o 4-1 final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario