Comezamos!

O Compos xa adestra en San Lázaro II e este mércores xogará o primeiro encontro de pretempada. Unha visita complicada a A Fonsagrada onde agarda o Clube Deportivo Lugo no que será o prato forte da inauguración do campo de fútbol Gómez Besteiro. Ademais, hai que sumar tres xogadores á lista de homes que xogarán a pretempada co primeiro equipo, entre eles un vello coñecido.
O Lugo será, por segundo ano, o primeiro rival do Compos en pretempada lonxe de San Lázaro. O equipo albivermello recibirá á Esedé no que será o seu segundo encontro este verán despois de superar ao Celta en Barreiro. Un equipo que xogará quinta tempada consecutiva na categoría de prata do fútbol español e que xogará ante un conxunto con só dous días de adestramentos, polo que o resultado será o de menos e só servirá para facerse unha lixeira idea das novas fichaxes. 

Ata oito xogadores a proba.
Durante esta pretempada, co primeiro equipo haberá ata oito xogadores a proba. Do Xuvenil A suben ata cinco xogadores. Becerra, Alberto, Miguel, Saúl e Óscar Boo buscarán facerse un oco no equipo mentres que David Nogueira e Diego Peña, do Estudiantil, e Rubén, do Alondras, buscan un novo equipo. No caso do dianteiro, recordemos que xa pasou polas filas da Esedé na anterior etapa na Terceira división con Fredi coma adestrador.

Máis preparación.
Aos encontros xa coñecidos e a falta de coñecerse as datas da Copa Deputación, torneo do que aínda non se sabe nada, temos unha nova parada no mes de agosto. Un partido importante, nun campo histórico e na honra dun equipo aínda máis histórico. Visita a O Couto o 11 de agosto, o campo onde vivimos o primeiro partido na volta á Segunda B para xogar ante a Unión Deportiva Ourense, da Primeira Autonómica, na que será unha homenaxe ao Clube Deportivo Ourense. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario