Cabrejo volve a casa

Juan Cabrejo é o novo lateral esquerdo da Esedé. O de Camariñas volve á súa casa 16 anos despois de deixala para xogar a que podería ser a súa derradeira tempada coma futbolista profesional. Un gran profesional con moita experiencia que aos seus 41 anos pode presumir de ser un dos mellores laterais da categoría. 
Cabrejo chegou a San Lázaro alá polo ano 1997 procedente do Betanzos para xogar un ano no filial branquiazul. Unha tempada máis tarde ascendeu ao primeiro equipo, recén desendido á Segunda división despois de catro anos en Primeira. Dúas tempadas máis na Esedé xogando 38 partidos en total e facendo dous goles abríronlle as portas do Eibar. 
Dous anos por Guipúscoa, un en Elxe, outro en Ceuta, volta a Eibar e catro anos en Cartaxena antes de volver a Galiza. Tres tempadas nas filas do Cerceda e outras tres no Ordes antes de voltar ao seu equipo, a un Compos coa vista posta na promoción de ascenso. 
A pasada tempada, nas filas do Ordes, xogou máis de 2.400 minutos en 29 partidos. 12 cartóns amarelos, 1 vermello e un gol que serviu aos seus para sumar unha vitoria ante o Alondras e outro que non foi suficiente para nada ante o Rápido de Bouzas.

Tamén chega un porteiro. 
Xunto coa nova da volta de Cabrejo, o clube anunciou tamén a chegada, en calidade de cesión, dun porteiro. Manu Cedrón podería ser o escollido procedente do Clube Deportivo Lugo, que a pasada tempada xogou nas filas do Somozas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario