Boiro e Copa Deputación

Este domingo poderemos ver o segundo encontro do noso Compos nesta pretempada. Xa co calendario da tempada regular e o cadro da Copa Deputación coñecidos, o noso equipo xogará ante un complicado rival con moitos coñecidos pola familia branquiazul. En Camporrapado, no III Trofeo do Concello de Boqueixón, o rival será o Boiro de Fredi. Co adestrador de Moaña chegarán tamén xogadores da historia recente da Esedé como son Jimmy, Catú, Manu Rodríguez e Pato.
Por segundo ano consecutivo, Boiro e Compos xogarán un torneo amigable no Campo da Silveira. E, un ano máis, un equipo de Segunda B e outro de Terceira, anque esta ano sexa ao revés, con grandes aspiracións de cara á vindeira tempada.
O Compos só leva seis días dende o comezo dos adestramentos, un deles cun partido en A Fonsagrada. Un partido ante o Lugo onde a derrota non significa nada nin impide pensar no bo encontro que realizou o equipo de Yago Iglesias contra un rival superior demostrando que co paso do tempo pode ser un conxunto moi perigoso. Pola súa parte, o Boiro comezou o mesmo día a adestrar ás ordes de Fredi pero aínda non xogaron ningún partido amigable no que vai de pretempada.

Xa temos datas para a Copa Deputación.
A tódolos encontros de pretempada xa coñecidos hai que sumar a Copa Deputación. O Compos debutará no torneo o mércores 3 de agosto. O gañador do Palmeira-Lesende xogará contra o Corme o 31 de xullo e de aí sairá o que será rival do Compos nos dezaseisavos de final da competición. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario