Manu e Jimmy non seguen

Manu Rodríguez e Jimmy non estarán a vindeira tempada na Esedé. Dous dos xogadores máis importantes do clube destes últimos anos non aceptaron a oferta de renovación ofrecida polo clube e decidiron seguir as súas carreiras fóra de San Lázaro, seguramente asinando por clubes da Segunda B como mínimo. 
Manu Rodríguez chegou ao Compos en Preferente. Un fixo con Anxo Casalderrey, conseguiu o ascenso á Terceira división na súa primeira tempada. Coa chegada de Fredi non perdeu o seu posto no once e foi tamén unha peza moi importante no ascenso á Segunda B na segunda tempada. Dous anos na categoría de bronce e recibindo diferentes ofertas para deixar Santiago, coma finalmente fixo fai un ano asinando pola Arandina. Medio ano en Castela e volta a San Lázaro para xogar a segunda metade desta campaña. 
Máis de cen partidos dun dos grandes xogadores do centro do campo branquiazul e que soa con forza para reforzar as filas tanto do Coruxo, que según se rumorea xa o podía ter fichado, coma do Pontevedra, equipo que xa se fixo con dous ex branquiazuis esta semana. 
Marcha unha lenda.
Se é dolorosa a marcha de Manu, máis o é a de Jimmy. Marcha unha lenda branquiazul. O home con máis partidos na historia do clube aos seus case 29 anos e que sempre será un gran exemplo de amor por unhas cores. Chegou ao primeiro equipo alá polo ano 2005 aínda na Preferente e foi unha das pezas máis importantes tanto no retorno á Segunda B en 2009 coma no ascenso no 2013. 
280 encontros avalan a un lateral sen igual. Un seguro en defensa que traballa coma poucos e que no ataque tamén sabe que facer en cada momento. Bo asistente e con gol como demostrou fai dúas tempadas sendo o máximo goleador do equipo con 6 tantos. Un xogador do que xa non queda nada por dicir e que deixa un oco enorme. 
No seu caso, aínda tiña un ano máis de contrato pero cunha cláusula que lle permitía saír libre se chegaba unha oferta dalgunha categoría superior. E, ao igual que Manu, fálase dunha oferta importante dun Pontevedra que busca ascender cun equipo formado por xogadores galegos.

1 comentario: