O Compos encadea en San Lázaro a segunda vitoria consecutiva e segunda vitoria desta tempada no feudo branquiazul. Encontro ante outro dos equipos da zona baixa da táboa que os homes de Iñaki Alonso pechan cos tres puntos. Un partido que se complicou máis do agardado co empate pero que arranxou Teles só dez minutos máis tarde. Ademáis do portugués, Marcos en propia porta e Jorge Fernández completaron os tres goles da tarde. Outra nota positiva foi a titularidade do central Manuel Castiñeiras, que entra de inicio por primeira vez esta campaña.
Ao inicio do encontro e como xa é habitual, o Compos fíxose coa posesión do esférico pero sen conseguir crear perigo preto da porta defendida por Javi Porrón durante a primeira metade. Pola súa parte, o Lealtad probou sorte mediada a primeira metade sen incomodar en exceso a Ramón, que tivo unha boa tarde unha vez máis a pesar do gol.
Aínda sen achegarse con perigo á porta rival, os nosos adiantáronse á media hora grazas a un gol en propia porta de Marcos despois dun intento de pase de Borja Navarro desde o lateral da área pequena. Única e mellor chegada do equipo branquiazul para rematar a primeira metade por diante no marcador.
Na segunda metade, o equipo asturiano apenas precisou tres minutos para igualar a contenda. Un erro de Catú á hora de xogar o balón con Ramón, algo que parece ser un estilo de xogo habitual en San Lázaro dende a chegada de Iñaki Alonso ao banco, serviu de pase para Jorge e o xogador do Lealtad bateu ao porteiro andaluz aproveitando a súa saída.
A reacción branquiazul foi instantánea. Pouco a pouco, mantendo o estilo de xogo un tanto conservador que practica esta tempada o equipo, foise a polo segundo. Córner que bota Teles ao segundo pau, despexa o balón un defensa e o portugués chega de novo a un balón dividido e tras sortear a un contrario dispara. O esférico toca o xusto nun contrario para despistar ao porteiro antes de colarse na portería. Ademais, algo que chegaron a protestar os visitantes, na xogada do gol había un xogador asturiano no chan despois dun encontronazo cun compañeiro na xogada do rexeite.
O Compos buscou manter o resultado, os tres puntos, e o Lealtad foise arriba poñendo en problemas á defensa, que estivo de dez unha vez máis, e a Ramón, que mostrou unha vez máis grandes reflexos. Un final difícil, media hora de infarto pero os tres puntos quedaron na casa por segunda vez na tempada. Unha vitoria traballada, merecida e coa que o equipo ascende á parte media alta da clasificación antes da visita a Langreo, partido importante.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Marcos; Teles (Iván Moya, min. 59), Manu Rodríguez, Quim (Jordan, min. 69), Moreira; e Borja (Mensha, min. 81).
CARTÓNS: Amarelos para Teles e Quim.
GOLES: 1-0 30' Marcos (en propia porta), 1-1 48' Jorge, 2-1 58' Teles.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario