Este Compos si gaña a domicilio

A Esedé xa gaña e de forma apisoante. A vitoria da Esedé ante o Noia a domicilio, onde non gañaba no que vai de 2014, deixou moi boas sensacións das fichaxes no primeiro partido oficial da pretempada. Quim Araujo e Teles asinaron os primeiros goles coa camisola branquiazul ademais de Manu, Jordan e Jimmy, que abriron a goleada que só David puido maquillar cando xa era demasiado tarde para o conxunto local.
Dominio de principio a fin do Compos nun encontro doado onde os pupilos de Iñaki Alonso partían como claros favoritos. Xogadas perigosas preto da área local e ocasións claras froito dunha gran presión en campo contrario. Sen embargo, a pesar das numerosas chegadas, os goles non chegaban. 
Teles e Lemos, acompañados dunha boa versión de Quim 'o mago' Araujo, buscaron sen sorte a porta rival. E superados os vinte minutos de xogo, un balón en logo ás costas da defensa chega a Manu Rodríguez, que fai o primeiro cun testarazo imparable. Un gol merecido que non fixo máis que abrir a veda para un equipo con moita fame de goles e vitorias.
Insistencia total antes do final do primeiro tempo con ata catro ocasións perigosas, tres delas saídas das botas de Quim Araujo, gran protagonista do encontro levando a batuta do ataque e topándose co longueiro na súa mellor ocasión dos primeiros corenta e cinco minutos.
Na segunda metade máis do mesmo. A Esedé buscou a porta dende o comezo e en só tres minutos chegou o segundo gol. Xogada embarullada na área que aproveita o ourensán para rematar de primeiras e poñer o balón no fondo das mallas. E dez minutos máis tarde, o extremo puxo un balón perfecto para que Quim Araujo fixera un gol merecido despois de moito traballo durante a hora anterior. 
Sen Jordan no terreo de xogo, substituido por precaución, o dianteiro catalán mantivo o perigo constante. Sen embargo, non foi outro que Jimmy o autor do cuarto gol da tarde despois dun rexeite do porteiro a disparo de Manu Rodríguez. Un gol ao que, ao fin, soubo responder o Noia co gol da honra, obra de David, aproveitando un erro da defensa visitante. 
Ata o final, co partido máis que sentenciado, pouco que contar. Baixou o nivel, o ritmo do encontro e chegou o primeiro gol de Teles coa camisola do Compos cun disparo axustado finalizando unha gran xogada dun equipo que a pesar de levar pouco tempo adestrando xa mostra un gran nivel.
O seguinte rival, o Real Madrid Castilla de Zidane o vindeiro mércores e o Racing de Ferrol de Joselu o xoves na seguinte rolda da Copa Deputación.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu (Catú, min. 79), Castiñeiras, Portela, Jimmy; Manu Rodríguez, Teles; Lemos (Marcos Rodríguez, min. 70), Fondevila, Jordan (Alcañiz, min. 60); e Quim Araujo (Iván Moya, min. 70).
CARTÓNS
GOLES: 0-1 22' Manu Rodríguez, 0-2 49' Jordan, 0-3 59' Quim Araujo, 0-4 70' Jimmy, 1-4 75' David, 1-5 88' Teles.
ESTADIO: Municipal de San Lázaro de Noia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario