Tres puntos de respiro

O Compos pode respirar por fin grazas aos tres primeiros puntos logrados neste 2014 ante o Marino de Luanco. Un partido complicado onde só valía gañar e así o afrontou o equipo dende o primeiro minuto. Ademais, Joselu volveu a marcar por partida dobre para sumar así unha nova vitoria. O equipo asturiano pechou o resultado cun gol a tres minutos do final dos noventa minutos regulamentarios devolvendo os malos pensamentos das últimas xornadas.
O partido non puido comezar de mellor forma da que o fixo. Na primeira xogada do partido, Borja Facal fixo gala da súa velocidade e asistiu a Joselu, que adiantou ao Compos cun taconazo tras un control dentro da área. Gol importante pero pouco significativo, xa que o equipo rematou perdendo ata en catro ocasións despois de poñerse por diante no marcador en primeiro lugar.
Co resultado adverso, o Marino non se foi abaixo e tomou o control do esférico obrigando ao Compos a buscar a porta rival a base de contraataques. Sen embargo, os asturianos non conseguiron levar perigo á portería defendida por Adrián mentres que Joselu e Nacho tiveron ata dúas ocasións antes do descanso. 
Na segunda metade, a Esedé mellorou e tivo máis tempo o esférico. O partido, nos primeiros corenta minutos, xogouse practicamente todo en campo contrario, rondando a área luanquina e cada vez máis preto do segundo gol, co que encarrilar a vitoria. Sen embargo, a dureza empregada nalgunhas xogadas polos xogadores visitantes fixo que éste tardase en chegar.
Despois dun posible penalti sobre Diego Peláez que non sinalou o colexiado, o castelán-leonés non dubidou en asubiar unha pena máxima sobre Jordan que transformou Joselu sen problemas. Segundo gol do dianteiro de Palmeira e acumula xa quince no que vai de tempada, líder na carreira por ser o máximo goleador da 
categoría demostrando un ano máis un nivel incrible. 
Co partido case resolto, o Marino volveu á carga e, agora si, estivo moi preto de superar a Adrián en contadas, aínda que sempre perigosas, ocasións. Como recompensa a eses minutos, ou castigo á relaxación branquiazul, o equipo de Luanco firmou o gol da honra e dos nervios. Ademais, o apretón final, nos últimos cinco minutos, devolveu algunhas pantasmas a San Lázaro dun pasado moi recente. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Jordan (Diego Rey, min. 81); Yahvé (Taboada, min. 36), Peláez, Joselu; e Nacho (Jesús Varela, min. 63).
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Nacho, Borja e Jimmy. 
GOLES. 1-0 4' Joselu, 2-0 76' Joselu, 2-1 88' Pevida.
ESTADIO: San Lázaro. 850 persoas. 

1 comentario:

  1. si ganamos este próximo domingo por fin fuera de casa será una inyección de moral importantísima.

    ResponderEliminar