Derbi para comezar o ano

O 2014 terá este domingo a primeira cita importante en San Lázaro. Un derbi onde a Esedé buscará arranxar o resultado da primeira volta no Couto, onde os tres puntos quedaron na casa nun bo partido dos santiagueses. Un derbi para recuperar as boas sensacións e manterse lonxe dos postos de descenso a Terceira. 
Un encontro onde Fredi non poderá contar con Julen, baixa de longa duración, e Germán, mancado no adestramento do pasado luns. Pola súa parte, Luisito, ex xogador do Compos, voltará a San Lázaro, onde dirixiu ao Ciudad de Santiago, coas baixas de Portela por sanción e Pato, Óscar Martínez e Jaime Noguerol por lesión. Ademais o de Teo conta coas dúbidas de Juan Martínez e Adrián Cruz. 
Un dos partidos máis bonitos entre equipos galegos na actualidade onde pode gañar calqueira a pesar das diferencias na clasificación. O Compos chega na décimo terceira posición mentres que o Ourense faino como cuarto, en postos de promoción á Segunda división, con sete puntos entre un e outro. Sen embargo, a Esedé lidera o enfrontamento entre ambos en canto a goles a favor. Os branquiazuis suman ata o de agora 25 goles a favor ante os 20 dos de vermello. Sen embargo, os ourensáns volven a gañar en canto a goles en contra xa que encaixaron só 15, equipo menos goleado igualado co Guijuelo. 
A nivel individual, no Compos está claro que hai que destacar a Joselu. O dianteiro de Palmeira firmou 13 dos 25 goles do equipo esta tempada. Pola súa parte, Iker Alegre, máximo goleador ourensán, suma 6 dianas no que vai de tempada. 
En canto á primeira volta, a Esedé retornou á Segunda B cunha inmerecida derrota no Couto nun terreo de xogo en horribles condicións e no que un erro condenou aos de Fredi. Un gol do anteriormente nomeado Iker Alegre foi suficiente para que o Ourense puidera comezar unha nova tempada con vitoria. 
E botando un ollo ao pasado, na última visita dos pupilos de Luisito a San Lázaro, na tempada 2008/09 na Terceira, o resultado foi de 3-2 favorable para os locais. Petter e Rubén por partida dobre, que ademais asistiu ao seu compañeiro, firmaron os goles da última vitoria do Compos ante o Ourense. 
O partido será este día 5 de xaneiro en San Lázaro ás 12 da mañá e no que os menores de 13 anos poderán entrar sen pasar por taquilla. 

1 comentario: