A primeira oportunidade

 Penúltima xornada de liga regular e o Compos ten a opción de asinar o obxectivo fóra da casa, chegando á derradeira data xa con moito traballo feito. Unha oportunidade que pasa por outros campos, nun horario unificado, e diferentes posibilidades. Os nosos, que chegan nun bo momento de forma, enfróntanse a un Rayo Cantabria, filial do Racing de Santander, xa virtualmente salvado. O primeiro paso, a noventa minutos. 

 De máis a menos. 

 O filial do Racing de Santander chega a este final de liga co obxectivo da permanencia conseguido sen grandes complicacións. Un equipo que pechou a primeira volta preto dos postos de promoción de ascenso, nunha zona media da táboa moi igualada, e que non tardou en caer aos postos de perigo dos que conseguiron fuxir para instalarse nunha zona media na que se puideron permitir unha irregularidade coa que non aproveitar os esvaróns dos equipos da parte máis alta. 

 A día de hoxe, o filial cántabro é noveno na táboa con corenta e cinco puntos, catro máis que un Palencia Cristo Atlético que pecha a zona de descenso a día de hoxe cun triple empate con Ourense e Langreo. Oito, pero neste caso máis, son os que lle saca de vantaxe o Guijuelo, suficientes para que non se poidan permitir xa unha pelexa final pola promoción. Isto conseguírono grazas a trece vitorias e seis empates, ademais doutras trece derrotas. Un equipo que se presume goleador con trinta e nove dianas sendo o quinto equipo con máis acerto do grupo, pero que os compensan cos trinta e sete encaixados, que os converten nun dos equipos que máis reciben. 

 Trátase dun equipo que, ao contrario do que se presume o normal, suma máis fóra da casa que diante da súa afección. En cinco ocasións conseguiron os tres puntos no Nando Yosu destacando a goleada sobre o Palencia Cristo Atlético. Noutras catro se repartiron os puntos deixando sen o triunfo a Arenteiro e Zamora. E foron sete as derrotas para un equipo ao que ata en cinco delas tiveron que meterlle máis dun gol para sumala. 

 De empates vai a cousa. 

 Curta é a historia entre Compos e Rayo Cantabria. No pasado, só unha vez se viron as caras os dous equipos en terras cántabras. Un primeiro enfrontamento que data de 1978, na Terceira división, e que se pechou sen goles. 

 En máis ocasións se visitou ao primeiro equipo, ao Racing de Santander. Non obstante, só no 1991 se volveu cos dous puntos que daquela se daban por vitoria. Catro citas remataron con empate mentres que as tres restantes se pecharon con vitoria local. 

 Tamén predominaron os empates esta mesma tempada nas visitas a terras cántabras. Sen goles acabou a cita en Laredo mentres que Cano salvou un punto na visita a Torrelavega. 

 E vitorias. 

 Antes falamos de empates e agora hai que facelo de vitorias. Comezamos co que pasou nun Vero Boquete que serviu como verdugo para o Laredo. Un gol de Jaime Santos, no último minuto do tempo regulamentario, fixo que os nosos se mantiveran dependendo de si mesmos de cara a este treito definitivo. 

 En Luanco, entre os dous últimos rivais dos nosos, o triunfo marchou cara terras cántabras. O Marino foi quen de adiantarse no primeiro tempo grazas a un gol de Tejera. Non obstante, o segundo foi para o filal racinguista. Jabbari asinou o empate, Yeray e Dalisson consumaron unha remontada que lles permite chegar a este final de liga con máis tranquilidade. 

 As nosas opcións. 

 A falta de dúas semanas, o Compos ten a primeira opción de meterse na fase de ascenso xa de xeito matemático. O equipo de Juan Carlos Andrés, que depende de si mesmo para pelexar pola Primeira Federación, non depende este domingo de si mesmo pero... Aquí van as opcións. 

 Se o Compos gaña, para asinar a clasificación matemática, tería que non gañar o Zamora, servindo neste caso o empate, en Avilés, ou perder o Guijuelo en Espiñedo. 

 No caso de que os nosos saquen un empate da súa visita ao Nando Yosu, tería que perder o cadro de Yago Iglesias e non gañar o Oviedo Vetusta no derbi que xogarán en Miramar contra o Marino de Luanco, equipo que quere chegar ao partido no Vero Boquete coa permanencia matemática asinada. 

 Mellorando o grupo. 

 Para esta fin de semana, o adestrador vigués anunciou xa que conta, nos adestramentos, con todo o grupo sen lesións. Non así, de momento, coa alta médica de Pato Guillén, que xa está co resto dos seus compañeiros mais aínda sen posibilidades de estar baixo os paus. Si hai que contar cunha baixa por sanción que é a de Damián, que sumou a súa quinta tarxeta amarela a pasada fin de semana contra o Laredo. 

 Sen información. 

 Para este domingo, de novo, sen televisión nin radio, aparentemente, para seguir aos nosos na primeira xornada unificada. Ás 12, todos os partidos agás o que terán aos xa descendidos Laredo e Burgos Promesas. Un partido no que haberá un autobús de seguidores branquiazuis buscando volver cos tres puntos dende o Nando Yosu. 

 Para quen non se poida desprazar, todo apunta a que non haberá televisión nin radio. Poderase seguir, coa información que chegue dende La Albericia, nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario