En medio dunha guerra interna e coa destitución de Fabiano aínda sen asimilar, comeza a 'Era Cardeñosa', unha nova etapa para o da Pobra do Caramiñal que queda pendente dos resultados máis próximos. Nesta ocasión, os nosos volven a Cantabria coa única intención de acabar con esta mala xeira de resultados e tapar un pouco a actualidade, aínda que sexa de xeito temporal, cun triunfo que manteña a segunda posición. Diante, unha Gimnástica de Torrelavega que ten a permanencia xa case na man e que aínda se pode achegar aos postos altos.
Moi fortes na casa.
A Gimnástica de Torrelavega chega a este último terzo do curso co obxectivo da permanencia case na man. Os cántabros ocupan un posto na zona tranquila da clasificación e con menor diferenza con respecto aos postos altos que á parte baixa. Un equipo que se fixo forte na casa, conseguindo boa parte dos seus puntos diante da súa xente no Malecón.
Actualmente, ocupan a novena posición con trinta e oito puntos, a seis dun Ourense Club de Fútbol que ocupa ese posto de promoción de permanencia, e a cinco do Zamora, que pecha os de promoción de ascenso. Un equipo que gañou dez partidos durante o curso, chegando só dous por máis dun gol de diferenza; empatou oito, a metade sen goles, e perdeu outros oito. Trátase dun equipo con pouco gol, con só vintecatro anotados, pero que o compensa cunha boa defensa, encaixando outros tantos.
Na casa conseguiron facerse co triunfo en seis ocasións. Desas vitorias só a última, contra Rayo Cantabria, chegou por máis dun gol de vantaxe. En cinco ocasións asinaron a igualada con tres deles sen goles. Por outra parte, só caeron contra Arenteiro e Marino de Luanco nas primeiras datas do campionato.
Un punto.
As visitas dos nosos a Torrelavega ao longo da historia non foron moi positivas que se poida dicir. Un enfrontamento que se repetiu en cinco ocasións entre Liga e Copa Federación e que non nos deixou ningún triunfo.
Falamos dunha historia que tivo gran parte do seu protagonismo na década dos setenta. Na Terceira división, antes da chegada da Segunda B, chegarían tres vitorias locais cos nosos incapaces de ver portería. Ese primeiro punto chegaría xa neste século, na Segunda B 2001/02, cun empate a un gol facendo o gol branquiazul Docando en propia portería.
Máis recente é o enfrontamento na Copa Federación en 2015. Nesa ocasión, os nosos volverían de Cantabria cun empate sen goles que os deixaba fóra da competición a un equipo que viña de caer tamén da Copa do Rei uns meses antes.
Si se sacou algo mellor da visita dos torrelaveguenses ao Vero Boquete na primeira volta cun gol de Jordan. Sería, ademais, a última vez que puidemos ver a Iván Martín coa camisola do Compos sendo a súa única ocasión con minutos na casa.
Cara e cruz.
A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de sacar nada positivo da visita do Bergantiños a San Lázaro. Un partido onde os nosos tiveron as mellores ocasións no primeiro tempo diante dunha defensa errática. Non obstante, o gol non chegou e no segundo tempo desapareceu tamén o perigo nas dúas áreas. Con isto, o equipo supera xa os trescentos minutos sen marcar, xeira moi negativa.
Pola súa parte, a Gimnástica de Torrelavega visitou ao Marino de Luanco e volveu á casa cun bo triunfo. No segundo tempo, Javi Delgado e Alex Basurto asinaron os dous tantos que servían para sumar o segundo triunfo consecutivo.
A estrea de Cardeñosa.
Sen perder a vista no mercado, Cardeñosa debutará como adestrador do primeiro equipo esta fin de semana. O que ata agora foi o segundo de Fabiano comezou a súa andaina nos bancos o pasado ano no Sigüeiro, filial compostelanista. Unha primeira tempada que remataba co equipo segundo na clasificación mais sen acadar o ascenso na segunda fase.
Para esta súa primeira cita no cargo, seguirá coa baixa de Damián e suma a de Pablo Antas por sanción. Tamén se conta coa dúbida ata última hora de Darío e Jaime Santos conta con problemas por un golpe. A maiores, os mesmos apercibidos de cara ao gran partido contra o Arenteiro do seguinte domingo no Vero Boquete.
Sen televisión.
El Malecón abrirá as súas portas este domingo para un dos partidos importantes da xornada e no que os locais esperan poder ter un bo ambiente, polo cal sacaron unha oferta para acompañantes de abonados. Para quen se desprace, as entradas terán un prezo que ronda entre os 10 e os 15 euros, dependendo da bancada.
Por contra, para quen non poida desprazarse, non se poderá ver por ningunha televisión nin canle de streaming. Si que o clube cántabro habilita unha retransmisión sen imaxe do partido por Twitch. Ademais, poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario