O Compos chega a esta xornada, arrincando o último terzo da tempada, nun mal momento en canto a sensacións, xogo, ideas e resultados. Por diante, un terceiro derbi, terceiro contra un rival da zona baixa e volta á casa coa intención de devolver a distancia con respecto ao sexto clasificado. Diante, un Bergantiños que quere seguir con vida a costa dun equipo ao que non lle dá nada ben a zona baixa.
Hai vida?
O Bergantiños está a ter unha tempada moi complicada. Os carballeses están a día de hoxe na zona baixa da clasificación moi lonxe dos postos de permanencia e, incluso, do posto de promoción de permanencia. Un equipo que perdeu hai uns meses a Lemos, destituído polos malos resultados do equipo, e a Charly, que asinou polo Zamora no mercado de xaneiro sendo o máximo goleador do cadro das Eiroas.
Antepenúltimos, empatados con dezasete puntos con Lugo B e Burgos Promesas no máis baixo da clasificación, o Bergantiños está a ter unha campaña moi difícil no seu segundo curso na Segunda Federación. Un equipo que ten a permanencia a quince puntos e a promoción de permanencia a un menos. Sumaron, unicamente, catro vitorias no que vai de curso, unha máis que Lugo B. Cinco empates completan os puntos dun equipo agora dirixido por Diego Uzal. A maiores, dezaséis derrotas que os sitúan como o equipo, xunto co filial do Burgos, como o equipo que máis veces caeu.
A domicilio, lonxe das Eiroas, sumaron un total de nove puntos, un máis que na casa. Foron quen de gañar en Luanco e Burgos e empatar no Carballiño, Laredo e Langreo. Por outro lado, as seis últimas saídas acabaron en derrota ademais da visita a Palencia. Neste caso, catro das cinco últimas citas fóra de Carballo acabaron sen un gol visitante.
Moita igualdade.
Compos e Bergantiños son xa vellos coñecidos. Dous equipos que se viron as caras en dez tempadas, incluíndo a recente, e que sempre demostraron igualdade tanto en Santiago coma en Carballo, coa posibilidade de que os nosos igualen aínda máis o global entre os dous con oito triunfos por lado.
En Santiago, comezando por Santa Isabel, non se puido comezar con bo pé perdendo a primeira ocasión na Terceira no 86. Tampouco no 90 se asinou o triunfo, cun empate sendo as dúas últimas citas en Santa Isabel. No Vero Boquete, a primeira ocasión que se enfrontaron chegou no 2006, en Preferente, con triunfo branquiazul pola mínima. Tamén se sumou de tres en 2012 así como nos dous primeiros anos de Yago, tomándolle a medida o Bergan nos dous seguintes anos deixando partidos moi igualados e intensos.
Por riba da Terceira, houbo que esperar ata o pasado ano para ver a estes dous equipos sobre o verde do Vero Boquete. Un partido no que o Compos fixo unha boa primeira parte marcando Escudero o gol que nos levaba ao tempo de lecer por diante. O segundo tempo foi para os visitantes tardando dez minutos en chegar o gol do empate, obra do exbranquiazul Remeseiro dende os once metros.
Mellor resultado sacaron os de Fabiano na primeira volta deste mesmo curso, nas Eiroas. O Bergantiños puido adiantarse cun gol de Charly no primeiro tempo. Non obstante, o Compos mellorou no segundo e Roque asinou o empate logo do paso por vestiarios. O segundo, merecido, chegou no último treito, obra de Fer Beltrán.
220 minutos.
Os dous equipos non están a pasar agora mesmo polo seu mellor momento. O Compos, que encadea dous partidos sen gañar e, ademais, sen marcar contra un Bergantiños que non gaña dende novembro, encadeando catorce citas sen sumar de tres.
A pasada fin de semana, o Compos deixou unha mala imaxe no Vao. Un mal partido, falto de ideas e no que un Coruxo en horas baixas foi quen de marcar ata dous goles, sendo anulado o segundo. Partido que deixou moito que desexar e que se pechou con algunha que outra discusión no banco nos minutos finais. Con isto, son xa 220 minutos sen ver portería os homes de Fabiano.
Pola súa parte, o Bergantiños si foi quen de sacar un resultado mellor na visita do Marino de Luanco a Carballo. Foron os asturianos os que se adiantaron, no último treito, grazas a un gol de Vander. Non obstante, a ledicia non lle durou moito ao cadro luanqués con Agulló facendo a igualada no engadido.
Apercibidos.
Para esta nova cita, Fabiano conta con dúas dúbidas importantes. Damián, que xa non puido estar a pasada fin de semana, e Darío, os dous con golpes e molestias, poderían quedar fóra da lista por precaución. A maiores, os apercibidos. Pablo Antas, Damián, Riki Mangana, Darío, Mario e Fer Beltrán chegan a un cartón da sanción. Xogadores importantes e fixos nos onces titulares de Fabiano.
Pechamos a xornada.
Despois de dous derbis seguidos xogados ás doce da mañá, o Compos volve pechar unha xornada como xa fixo nas Eiroas na primeira volta e contra o Ourense en San Lázaro, dous partidos que remataron con triunfo branquiazul. O partido comezará este domingo ás 19 horas e as entradas terán o prezo habitual de 20 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e dez euros menos por bancada para menores de idade.
Por contra, para quen non poida asistir poderá verse na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario