Compos e Lugo B deixaron as ganas de xogar na cama e o derbi rematou cun partido moi mellorable. Sen goles, as ocasións tamén brilaron pola súa ausencia así como as ideas nunha Esedé que non demostrou querer pelexar pola vitoria faltando ideas, tamén, dende o banco. Si hai que falar de maneira positiva da actuación de Borja Rey, salvando ao equipo na mellor oportunidade do filial lucense.
A idea do partido, que se levou a cabo dende o comezo, foi a de dar o balón ao rival e defender para saír á contra. Un plantexamento que levou a Darío e Mario a correr, moi separados dos seus compañeiros, e a buscar unha portería que non se atopou nos primeiros corenta e cinco minutos. Si o fixo, nos primeiros intres, o equipo de Trashorras cunha volea que obrigou a estirarse a Borja Rey, facendo a parada da mañá.
O aviso non serviu para que se cambiara a idea de xogo e chegar á área semellaba case imposible contra un Lugo que sabía ben frear as acometidas branquiazuis evitando que chegasen os balóns ás inmediacións da portería. Tal foi así que o único que probou ao gardameta foi Riki Mangana cun disparo ante o que non houbo que prestar gran oposición.
Sen trocos.
O segundo tempo foi un calco do primeiro pero co Compos tendo algo máis a posesión, sobre todo nos últimos intres, ante un Lugo B que vía mellor o empate co paso dos minutos. Numerosas interrupcións tentando frear as posibles chegadas dos de Fabiano polas bandas e mellorando a imaxe ofensiva coa entrada de Parapar, mais sen ser suficiente só un troco ofensivo.
O coruñés botouse ás costas o traballo en ataque e non só tivo a primeira oportunidade nas súas botas senón que, ademais, buscou aos seus compañeiros sendo Mario e Jaime Santos incapaces de superar a muralla lucense.
Finalmente, un punto que sabe a pouco contra o penúltimo clasificado e deixando unha imaxe mellorable. Agora, a pensar na visita ao Vao do vindeiro domingo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario