Logo da lesión de Pato en Langreo, que o apartará para o que resta de tempada, o Compos xa ten un novo porteiro que pelexe con Borja a titularidade nas vindeiras xornadas e ata o final do curso. Javi Jiménez, porteiro rioxano de 35 anos, chega ás filas do conxunto santiagués logo dunha longa carreira no fútbol español ademais de probar no fútbol noruegués e no uzbeko, onde completou a súa última experiencia hai un ano.
Formado na base do Deportivo Alavés, comezou a súa etapa profesional no filial vasco para, dous anos despois, deixar Álava por Valladolid para defender a portería do filial durante dous anos e medio para completar un ano máis no primeiro equipo. Outros dous anos pasou no Murcia sendo a súa última etapa de máis dun ano. Levante, Alcorcón, Elche, Huesca... e un tempo en Noruega para xogar no Tromso. Só uns meses despois volveu ao fútbol español para pasar por UCAM Murcia, Atlético Sanluqueño, Algeciras e Salamanca CF UDS.
Un ano despois de deixar o Helmántico, pasou a xogar en Uzbekistán, nas filas do Surkhon Termiz onde xogou dous partidos en catro meses deixando a liga no pasado verán, pasando ata agora libre.
Máis de douscentos partidos en total con experiencia en Primeira e Segunda, onde máis partidos chegou a desputar. Agora, asina ata final de curso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario