Xa co calendario coñecido, sabendo os primeiros rivais cos que nos enfrontaremos na pretempada tamén, o Compos segue ultimando o equipo que buscará pelexar nesta Segunda RFEF. Procedente do Zamora, co que ascendeu á Segunda B e, nun ano, á Primeira RFEF xogando incluso a fase de ascenso á Segunda división; chega Rodrigo Escudero. Un dianteiro centro de 27 anos, con experiencia na Segunda B e que xa sabe o que é xogar no Vero Boquete, non así marcar.
Nado en Simancas, Valladolid; comezou a súa carreira senior no Villa de Simancas de Preferente, equipo que deixaría no verán de 2015 para poñer rumbo ao Palencia. Unha boa primeira tempada no conxunto palentino, de novo en Terceira, co que anotaría 10 goles en 35 partidos acadando, como recompensa final, o ascenso á Segunda B, na que repetiría equipo e número de partidos pero anotando, unicamente, 2 goles. Volvería á Terceira división en 2017 para xogar nas filas da Arandina, onde permaneceu dous anos, xogaría 66 partidos e anotaría 31 goles chegando, nas dúas campañas, ás semifinais da fase de ascenso.
En 2019 tomaría o camiño a un Zamora ilusionante e co que pecharía un ano raro, por mor da pandemia, con 10 goles en 20 partidos conseguindo, por segunda vez na súa carreira, o ascenso á Segunda B. Na categoría de bronce, malia acadar un fito histórico para o clube, anotaría 3 goles en 26 partidos, en algo máis de 1.500 minutos.
Esta vez será a primeira na que xogue fóra de Castela e León. Asina por unha tempada e acompañará a Primo e Pablo Durán na pelexa pola punta do ataque branquiazul.

Ningún comentario:
Publicar un comentario