Anxo Pérez, porteiro suplente esta tempada na SD Compostela, rescinde o seu contrato antes de retomar os adestramentos a vindeira semana e será a primeira baixa do equipo de cara á tempada 2020/21 incluíndo neste caso tamén a fase de ascenso, onde o equipo confirmou a súa presenza este mesmo mércores. A súa baixa é, segundo indica o clube, por motivos persoais logo de dúas campañas onde foi perdendo protagonismo.
Compartindo protagonismo.
Anxo, formado na base do Deportivo, chegou a Santiago procedente do Pontevedra no verán de 2018 logo de non ter protagonismo na Segunda B no cadro granate. A súa chegada á Esedé non puido arrincar do mellor xeito pasando a ser o suplente de Lorenzo en liga e debutando en partido oficial fronte ao Mensajero, mantendo a porta a cero. Foi o porteiro da Copa tamén en Lleida, onde encaixaría o seu primeiro gol na derrota branquiazul, e non debutaría en liga ata o mes de novembro contra o Barco. Xogou unha volta case enteira de xeito consecutivo e sumando un total de 19 partidos en liga onde encaixou un total de 25 goles.
Rematada a liga, o gardameta de Negreira mantívose no once titular para ser tamén da partida nos dous enfrontamentos diante do filial do Alavés encaixando outros tres goles e quedando fóra da pelexa polo ascenso á Segunda división B.
Nun segundo plano.
Coa chegada de Pato ás filas do Compos, Anxo pasou a un segundo plano. O gardameta uruguaio non deixou a súa portería en liga en ningún partido e o negreirés defendeu a portería na Copa Deputación e na Copa Federación xogando únicamente un total de 5 partidos.
Un gardameta que sempre deixou boas intervencións cando foi preciso e que seguiu axudando malia verse relegado a un segundo plano coa chegada dun novo compañeiro de demarcación. Sen dúbida, unha baixa importante para unha fase de ascenso e que haberá que esperar para ver a decisión do clube á hora de ocupar a súa praza no momento máis complicado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario