O Compos asinou un novo triunfo nesta pretempada, e xa van dous. Os de Yago Iglesias seguen a demostrar un nivel aínda por mellorar pero semella ter gol e unha boa capacidade de reacción á hora de superar partidos que non parecen estar todo de cara.
Esta segunda vitoria trae tamén outro dato curioso. E é que non só se conseguiron de novo cinco goles senón que ademais se conseguiu dar a volta a un partido que se foi perdendo ata en dúas ocasións cun gran segundo tempo malia xogar cun home menos. Por contra, o equipo encaixou tres goles máis e xa van nove recibidos en tres citas.
As novas fichaxes, moi importantes.
Hai tres xogadores que hoxe volveron confirmar que están xa ben afeitos ao equipo. Primo, Rober e Alex Ares, tres das pezas que entraron na segunda metade, anotaron os goles da vitoria durante os segundos corenta e cinco minutos cun treito do xogo de tolos, con opcións para todos.
Aos tres antes nomeados hai que engadir a Naveira, que parece ter gañado o posto no lateral, e a Casas, que de novo saltou ao terreo de xogo no segundo tempo para ser unha peza tamén importante no equipo. Ademais, os xogadores da base parecen ter xa un oco no equipo, en especial Queiruga e Borja, titulares hoxe, e Marque, que entrou no segundo tempo.
Primeiro tempo moi igualado.
Os primeiros corenta e cinco minutos foron de total igualdade sobre o terreo de xogo. O Dubra buscou saír con máis intensidade ca o seu rival e así foi que, antes dos quince minutos de xogo, chegou o primeiro gol local, obra de Adrián collendo por sorpresa ao cadro branquiazul.
Pouco a pouco, o Compos foi xogando máis preto da área dubresa e Santi, antes da media hora, conseguiu poñer o empate no marcador aproveitando un erro defensivo. O dianteiro fíxose cunha pelota na área e só tivo que empurrala.
Mais a sorte non estivo toda do noso lado. Cinco minutos despois, metidos nuns minutos tolos, Queiruga derrubou a un contrario na área. Penalti, expulsión directa do defensa branquiazul e ocasión que non perdoa Berto para poñer de novo aos seus por diante. Porén, o Compos aínda tiña que dicir unha palabra máis antes do final do primeiro tempo. E Samu, facendo gala da súa boa pegada, fixo o 2-2 co que se chegou ao tempo de lecer cun disparo de falta directa ante o que ninguén puido facer nada para evitalo.
Mellor segunda metade.
Logo do paso por vestiarios e con outro once moi diferente, con xogadores que apuntan á titularidade de cara á tempada, a Esedé semellaba ser outra, superior. Primo, que xa deixou a súa carta de presentación ante o Negreira, fixo o seu segundo gol coa camisola branquiazul en só cinco minutos logo dunha fermosa xogada de toque.
Por fin o Compos estaba por diante no marcador, mais a ledicia só durou tres minutos. Córner a prol do Dubra e Brais non perdoa cun testarazo cruzado ao que non chega Lucas. Cuarto empate do encontro que, por sorte, tampouco durou demasiado.
O segundo tempo tivo un dono algo máis claro. O equipo de Yago Iglesias, que xa non tardou en poñerse por diante logo da reanudación, tampouco precisou máis de dous minutos para adiantarse por segunda vez e facer o cuarto da tarde. Mon, que chegou en gran forma á pretempada, fixo unha gran xogada individual, buscou asistir a Róber e o disparo deste sacouno un defensa na liña de gol coa man. Penalti e o ex do Choco non perdoou co terceiro gol en só cinco minutos.
Non obstante, Álex Ares tamén quixo deixar unha nova mostra da súa calidade poñendo terra de por medio e asegurando a segunda vitoria do equipo logo de tres citas. O centrocampista de Pontedeume sacouse da manga un gran disparo de falta dende 40 metros que sorprendeu ao porteiro entrando na porta local. Quinto e definitivo gol dun encontro que contou con todo.
Agora xa non hai que agardar moito para unha nova cita dos nosos. Mañá domingo, ás 19 horas, o equipo terá unha nova ocasión de seguir mellorando. En Camporrapado, Compos e Fabril mediranse nun partido onde os santiagueses buscarán mellorar os resultados colleitados ante o filial coruñés durante a campaña.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Borja, Queiruga, Uña, Naveira; Samu, Alberto; Saro, Víctor, Rubén; e Santi Tamén xogaron: Lucas; Tomás, Sergio, Marque, Casas, Rober, Mon, Primo, Cardeñosa e Ares.
CARTÓNS: Expulsado Queiruga por cartón vermello directo.
GOLES: 1-0 13' Adrián, 1-1 28' Santi, 2-1 33' Berto, 2-2 38' Samu, 2-3 50' Primo, 3-3 53' Brais, 3-4 55' Rober, 3-5 75' Ares.
CAMPO: Juan Baleato.

Ningún comentario:
Publicar un comentario