Rematada a tempada, comezan as novas en canto á revolución na confección do plantel da vindeira tempada. Sen fichaxes e cos rumores da marcha de Joselu ao Almería, faise oficial algo que fai uns días parecía imposible. Fredi deixa a Esedé despois de máis de ano e medio contra todo pronóstico despois de que non se lle ofrecera a oferta de renovación.
O adestrador de Moaña chegou en outubro de 2012. Tomou o control dun equipo que pasaba por un mal momento na Terceira división e non só cambiou as cousas senón que ademais fixo do Compos un equipo temible cun xogo tan vistoso como efectivo e logrou o ansiado ascenso á Segunda B nuns meses. E unha tempada máis tarde, na categoría de bronce, fixo de novo un equipo moi forte na casa, onde confirmouse como un conxunto moi forte, e, a pesar de non gañar lonxe da casa, logrou a permanencia sen problemas alcanzando o obxectivo principal.
Sen Fredi, a revolución no Compos comeza no banco. Para suplir a un bo adestrador soan nomes como Luisito, que non ten o cariño da afección despois de rexeitar o cargo fai unhas tempadas; Aira, que non seguirá no Racing, e Nacho, ex xogador da Esedé e agora adestrador do Ordes, entre outros.
Desde aquí agradecer enormemente o traballo realizado por Fredi namorando a Santiago co xogo do equipo. E desexarlle moita sorte no seu futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario