Empate e tranquilidade

O Compos non sufriu para clasificarse para a derradeira rolda da promoción de ascenso á Segunda B. Un partido tranquilo onde o equipo santiagués, moi ben arroupado por douscentos siareiros, non tivo en perigo a renta en ningún momento. Ademais o pase foi máis fácil co gol de Marcos Suárez na primeira metade. Sen embargo, a mellor nova do partido foi o retorno dun xogador tan importante como Mariño, que levaba dous meses sen poder xogar por lesión. 
O San Juan saíu ao terreo de xogo con esperanzas pensando nunha remontada épica, nunha goleada desas difíciles de superar animicamente. Sen embargo, o Compos tomou o control do esférico igual que na ida e, igual que pasou en San Lázaro, as ocasións non chegaron con facilidade, aínda que o equipo tampouco lle puxo intensidade suficiente ante un equipo que se limitou a defender e presionar. 
Pola súa parte, o San Juan si chegou á portería defendida por Adrián pero o gardameta coruñés estivo, unha vez máis, moi seguro baixo paus sen cometer erros importantes e axudado tamén por Manuel Castiñeiras e Catú, que seguen demostrando un gran nivel no centro da defensa. 
Pero o partido cambiou superada a media hora. Un pase perfecto de Peláez para Marcos dentro do área rematou co gol do dianteiro santiagués dando así o pase definitivo ao Compos e obrigando aos locais a facer cinco goles, algo imposible. 
Sen embargo, a celebración do gol durou dous minutos. Ese foi o tempo que necesitou o San Juan para igualar a contenda cun gol algo dubidoso. E é que De Esteban pegoulle dende dentro da área, o esférico golpeou no longueiro e, segundo o asistente do colexiado, botou dentro da portería. Gol que asubía o linier e  empate. 
Tras o descanso, o San Juan baixou os brazos e o Compos non fixo nada por aumentar a ventaxa. O resultado era válido, a Esedé estaría no sorteo do luns da última fase polo ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional. 
Moi pouco que contar de corenta e cinco minutos onde o equipo dirixido por Fredi puido tocar o balón sen problemas ante un equipo que se limitou a ver o tempo pasar despedíndose así da mellor tempada da súa historia. Ademais, Jordan estivo a piques de facer o segundo a falta de dez minutos cun disparo que saíu demasiado cruzado.
Mañá coñeceremos tódolos rivais posibles na derradeira fase onde o Compos terá que loitar cento oitenta minutos por volver ao fútbol nacional. O camiño cara o máis alto pasa pola Segunda B.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú (Bautista, min. 83), Jimmy; Gonzalo (Franqueira, min. 75), Manu Rodríguez; Peláez (Mariño, min. 64), Yahvé, Jordan; e Marcos Suárez.
CARTÓNS: Amarelo para Peláez. 
GOLES: 0-1 35' Marcos Suárez, 1-1 37' De Esteban. 
ESTADIO: AD San Juan. 1.000 persoas, 200 siareiros compostelanistas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario