Sen final feliz

 A Segunda B está a chegar ao seu final e o Compos non foi quen de despedir a tempada no Vero Boquete cun triunfo. Tampouco cun empate que tanto se repetiu ao longo do curso. Un partido que se lle fixo longo aos nosos, ao igual que o treito final do campionato, e cunha intensidade moi baixa. Escasas ocasións, case todas a prol da Esedé, e só un gol co que o Marino deixaría atrás unha xeira de dous meses sen marcar e sen gañar. A parte, a mellor nova do partido foi a estrea baixo paus de Borja Rey así como os minutos cos que contaron Manu Rivas e Axel Lim, pezas fundamentais na volta do Xuvenil A á División de Honra na tarde do sábado. 

 Do partido, pouco que poder contar. Un Compos que se fixo dono da pelota no comezo e que buscou a Primo en varias ocasións na procura dun gol que, por mala sorte ou puntería, non acabaría chegando malia facer méritos. Así sería en dúas ocasións claras nos primeiros quince minutos chegando a primeira oportunidade dos asturianos superada a primeira media hora de partido e o gol só dous minutos despois á contra. Un tanto de Borja superando no man a man a Borja Rey que pouco puido facer para evitalo. 

 Na segunda parte, máis do mesmo. Os de Yago Iglesias xogando a medio gas contra un equipo pechado no seu campo e que pouco ou nada propuxo deixando pasar os minutos ata o final. Sobre a portería de Chechu Grana, só Miki tivo a oportunidade de probar sorte e Primo, cun disparo dende lonxe, acabando os dous fóra grazas ao gran traballo do gardameta. 

 Un partido que, malia a derrota, non pode empañar a grandísima tempada deste equipo na derradeira Segunda división B da historia do fútbol español estreando a Segunda RFEF a próxima vez que o Vero Boquete abra as súas portas. 

 Recompensa. 

 Á estrea de Borja Rey hai que engadir a entrada no campo de Axel Lim e Manu Rivas. Os dous integrantes do Xuvenil A que tiveron opción de estar neste partido como premio á gran tempada realizada polo equipo da base asinando un ascenso histórico, que o ano que vén estará entre os máis grandes, e demostrando o bo facer do clube en canto ás categorías inferiores, ás que sumar o Sigüeiro como filial en Preferente a vindeira campaña.



Ningún comentario:

Publicar un comentario