Unha xornada máis que pasa, unha fin de semana máis na que o árbitro quere ter protagonismo nun partido do Compos. Un partido do que os nosos desapareceron xa no primeiro tempo contra un Numancia que volveu demostrar ter mellor pegada e, sobre todo, puntería. A iso hai que engadirlles algo de sorte co de negro nos primeiros intres dun xogo sen dominador claro do esférico e que acabou cun castigo posiblemente excesivo para os nosos.
O partido non puido comezar de peor xeito sobre o verde de Los Pajaritos. Na primeira chegada con perigo do Numancia, aos cinco minutos, o árbitro non sabe ben o que ve e sinala un penalti de Guille Torres sobre Cotán nun balón dividido, acción que, segundo as imaxes, ocorre totalmente ao revés sendo o central catalán o que recibe o pisotón. A oportunidade, inmellorable, non a desaproveitou o cadro soriano para poñerse por diante con só seis minutos transcorridos no luminoso.
Sen case tempo para dixerir o penalti en contra, o Compos buscou a iniciativa e Miki non tardou en meterse na área de Jara. O porteiro sae e derruba ao extremo branquiazul claramente a destempo e o colexiado decide que non hai nada. Non obstante, só tres minutos despois sería Manzanara, posiblemente axudándose da man, quen evitaría o empate na mesma liña de gol.
Ben situados sobre o campo e aínda con esperanzas, os nosos terían unha nova oportunidade de empatar a balón parado cunha falta que pon Samu na mesma escadra da portería dun Jara que faría a mellor parada do encontro para evitar o gol branquiazul. E do posible empate, á que sería a sentenza local con outro novo tanto de Menudo cun disparo dende a frontal que toca o xusto en Guille Torres para desviar a traxectoria e enganar a Pato.
Pouco que facer.
Os quince últimos minutos e todo o segundo tempo deixounos un Compos que quixo facer moito pero sendo incapaz fronte un Numancia mellor. Si poderíamos ver unha gran oportunidade, de novo coa sinatura de Miki Villar a centro de Bicho, que petou nos dous postes antes de saír por liña de fondo. Sería, por desgraza, a mellor ocasión dun equipo que acabaría baixando os brazos.
Para completar a vitoria, a goleada e manterse moi vivo na pelexa que se reduce a tres equipos, un golazo de Andrés García a só cinco minutos para o final cun disparo dende lonxe ante o que nada puido facer un Pato que deixou unha boa imaxe malia encaixar tres tantos.
A cita importante.
Xa sen ningunha opción, os nosos terán o vindeiro domingo a despedida no Vero Boquete a unha gran tempada que se culmina cunha permanencia na 2ª RFEF. Un partido que podería significar algunha que outra despedida e que debería ser unha festa entre equipo e afección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario