O Compos quedou, virtualmente, sen opcións de pelexar pola Primeira RFEF. Un bo partido dos nosos, no que puido chegar a primeira vitoria en dous meses e no que o protagonista estaba vestido de negro. Unha actuación incomprensible do colexiado deixou ao Compos sen dous puntos nun final de tolos acabando un partido no que non fixo nada ben, intervindo no gol dos nosos, permitindo moitas faltas perigosas e incluíndo un asistente nada atinado coas posicións dos dianteiros dos dous equipos, evitando algunha ocasión clara dos nosos e sen sinalar algún fóra de xogo claro dos asturianos. Por sorte, e falando xa de algo positivo, Josiño anotou o seu primeiro gol da tempada permitindo soñar á bancada cun triunfo que se fai de rogar no templo.
No Vero Boquete, nun partido de máxima importancia para dous equipos que soñaban co ascenso á Primeira RFEF, o xogo comezou con respecto entre os dous equipos, sen ocasións de perigo en ningunha das dúas áreas e co Compos intentando presentar un mellor fútbol. Non obstante, superar á defensa langreana semellaba moi difícil e as escasas forzas dos nosos non axudaron o suficiente para tentar sorprender a Adrián Torre.
Cunha defensa ben ordeada na que entraron xuntos por primeira vez Guille Torres, acompañando a Soto, e Matías Vesprini, no lugar de Jimmy; os problemas apareceron na parcela ofensiva con Bicho, Miki e Brais Abelenda faltos de folgos e ocos polos que producir algo. Por sorte, o que si puido aparecer foi Josiño. O mediapunta, nesta ocasión caído á banda esquerda, probou sorte cun centro ao segundo pau que non foi quen de materializar Miki e, cinco minutos despois, aproveitaría un balón morto para, logo dun recorte, mandar o balón pegado ao pau, imposible para o porteiro. Unha acción non exenta de polémica xa que o colexiado se metería entre Josiño e un defensor obrigando a este último a empurralo perdendo a posición e permitindo o golazo do de Bueu.
Segundo tempo para aguantar.
A segunda metade apenas contou con oportunidades de perigo en ningunha das dúas porterías. Só unha xogada entre Antas, Soto e Bicho, que acabaría co sadense perdoando diante do porteiro, puido significar unha tranquilidade que non chegou.
Na portería branquiazul, Pato tivo tamén traballo metendo unha man prodixiosa a un disparo visitante dende a frontal nos mellores momentos dun equipo que acabou recibindo un agasallo inimaxinable no peor momento posible. Sen merecelo, o Langreo tería un gran premio. Pero imos por partes, que os últimos vinte minutos teñen moito que contar.
O árbitro quixo ser protagonista.
As constantes faltas non sinaladas e os erros nalgunhas posicións antirregulamentarias case se poden pasar por alto. Non obstante, superada a media hora do segundo acto comezaría a cociñarse un final de partido difícil de imaxinar.
O segundo protagonista desta historia, sendo o primeiro o home de negro, sería Baleato. O centrocampista entrou cando se cumpría a hora de partido e tardou vinte minutos en ver o primeiro cartón amarelo, por tentar frear un contraataque, cartón que non vería un defensa visitante logo dunha falta perigosa sobre Primo, outra das boas novas do día volvendo logo de dous meses. E non tardaría nin dez minutos en amosarlle o segundo cartón a Baleato por outra falta que nin sequera fixo e deixando aos nosos con dez a falta de cinco minutos máis un tempo engadido un tanto excesivo e que durou ata que marcou o Langreo. E, se non era suficiente a expulsión do dubrés, Pablo Antas tería que deixar o campo con molestias.
Chegamos ao tempo engadido. O Langreo, cos últimos folgos, busca unha última ocasión de perigo pero aparece Saro para evitar o posible empate. Dous minutos despois, novo centro do conxunto asturiano, testarazo do dianteiro rival e o balón chega ás mans de Pato. O colexiado sinala penalti por unha suposta, e máis que inexistente, man na área. Un penalti que non perdoaría Allyson dando aos seus un punto nada merecido polo traballo realizado sobre o verde.
Agora, toca visitar Los Pajaritos para un novo gran partido no que as opcións de clasificarse os nosos para a Primeira RFEF son case imposibles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario