Oportunidade perdida

 O Compos aumenta a súa xeira sen gañar nun dos campos máis complicados da Segunda B. Un empate sen goles malia poder gozar de boas oportunidades incluíndo un penalti que puido sacar o porteiro local a disparo de Juampa. Por parte do Marino, bo plantexamento para facerse co esférico pero escasas oportunidades máis alá dalgunha contra e algunha xogada a balón parado que solventaron ben entre a defensa e Pato, moi seguro baixo paus e ben cos pés para sacar o balón tanto en curto coma en largo. 

 Cun once revolucionario, con ata catro novidades, o Compos saltou ao terreo de xogo coa intención de facer o seu fútbol. Fronte un Marino que gozou de dúas boas chegadas nos primeiros minutos, acabando ambas as dúas en córner, o perigo non tardou nin dez minutos en chegar con dous centros laterais sen rematador. Serían, non obstante, as dúas únicas oportunidades que terían os nosos en algo máis de corenta minutos, ás que sumar un disparo cruzado de Miki que tampouco foi entre os tres paus. 

 Pasado o cuarto de hora de xogo, chegou unha pelexa polo centro do campo que restou emoción ao partido. Ningún dos dous puxo unha marcha máis e as ocasións de perigo desapareceron ata case o final duns primeiros corenta e cinco minutos no que o Compos estivo ben situado pero ao que lle faltou tirar a porta. 

 Volvemos perdoar. 

 Na segunda parte, máis do mesmo. Un aviso de Miki logo dun gran pase de Brais Abelenda e vinte minutos nos que, malia ser superiores sobre o verde, non se puido transformar nun gol. Si nun penalti sobre o dianteiro de Bembibre que non foi quen de transformar Juampa adiviñando as intencións o gardameta asturiano. A mellor oportunidade do partido, perdoada.

 Logo do penalti, o cansazo fixo acto de presenza e aproveitouno o Marino para crear as mellores oportunidades. Entre a defensa e Pato, que segue a deixar grandes actuacións, conseguiron manter a portería a cero mantendo con moita vida a un Compos incapaz en ataque. 

 Agora, o equipo branquiazul terá que buscar os tres puntos contra un Langreo que xa o supera na clasificación para tentar recortar diferenzas con Depor e Racing de Ferrol, que non foron quen de gañar nesta xornada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario