O Compos volveu sumar unha nova semana sen gañar e van xa catro consecutivas. Un partido difícil fronte a un dos rivais máis fortes e que se saldou, de novo, con derrota dos nosos na casa deixando mostras de problemas físicos. Diante, un Numancia que non desaproveitou as oportunidades das que gozou demostrando unha efectividade total e mandando ao equipo branquiazul por debaixo no marcador por cuarta cita consecutiva, as mesmas que suman sen gañar no Vero Boquete.
Con moito respecto comezaron o partido Compos e Numancia. Os locais buscaron facerse coa posesión do esférico e evitar unha presión forte, sobre todo nos primeiros minutos de xogo. As ocasións, por contra, estiveron ausentes agás un intento de Brais nos primeiros intres que acabou en córner logo de petar nun defensa. Sería tamén o de Bembibre, moi activo durante todo o encontro, o que levaría o primeiro cartón do encontro e o que forzaría o primeiro nos rivais, malia facerse de rogar neste caso.
Celta B, Zamora, Salamanca, Guijuelo... Moi pouco precisan os equipos para marcarlle a este Compos que perdoa en ataque e págao en defensa. Á lista hai que engadir tamén a un Numancia que esperou ata o último minuto do primeiro tempo para marcar nun centro lateral que remata Benito. Un bo gol ao que pouco ou nada puido facer Pato.
Contra un muro.
Superados fisicamente, no aspecto táctico non melloran as sensacións. O Numancia defendeu moi ben e creou escaso, aínda que suficiente, perigo a base de centros e algún disparo dende lonxe obrigando a Pato a estirarse logo dunha xogada a balón parado. Sería cun centro, de novo desde a banda, como chegaría o segundo gol soriano, obra de Moha e ante o que, de novo, nada puido facer o gardamallas uruguaio da Esedé.
Con algo máis de vinte minutos por diante e dous tantos de diferenza no luminoso, chegaría a hora do debut de Axel Lim co primeiro equipo. O xuvenil entrou por Miki Villar e deixou boas mostras de calidade malia a súa xuventude. Non sería quen de marcar nin asistir pero si de provocar algunha dor de cabeza na defensa visitante.
E falando de defensas, sería un o encargado de meter ao Compos no partido, xa tarde para asinar unha posible remontada. Soto, que xa anotou o gol do empate a pasada fin de semana, aproveitou un saque de falta que ninguén despexa para empurrar ao fondo das redes no segundo pau. Bo gol do ourensán que, por desgraza, non serviu para comezar a remontada.
Agora, o equipo terá que ver o que fan este domingo os dous rivais galegos nesta segunda fase antes de visitar, en oito días, ao Marino de Luanco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario