O Compos perdeu por primeira vez en case un ano no Vero Boquete nun gran partido local contra un Celta B que saiu mellor e non perdoou nos primeiros dez minutos. A partir de aí, un dominio total dun equipo que tivo ocasións de sobra para remontar pero que quedou ás portas do empate grazas a un único gol de Miki. Unha derrota que deixa, practicamente, sen opcións de ser terceiro a este equipo que tan ben o fixo durante oitenta minutos.
Mal arrinque.
Comezou o partido e o Celta B non quixo desaproveitar nin un minuto. E é que, malia avisar o Compos nun córner, serían os homes de Onésimo os que darían o primeiro golpe nunha falta que pon rápido en xogo e finaliza sen case oposición Manu Justo. Sería tamén o ex do Ourense CF o encargado de anotar, en menos de cinco minutos, un segundo tanto que serviría para meter aos nosos no partido.
Sequeira salva aos seus.
Sen case tempo para asimilar o resultado, apareceu esa Esedé da que estar tan orgullosos. Ese equipo que quixo demostrar que seguía moi vivo no partido e que se topou con Sequeira en numerosas ocasións. Juampa, Brais Abelenda e Bicho non serían quen de superar ao costarricense mentres que Álvaro Casas mandaría o balón ao longueiro tendo unha das máis claras dos primeiros corenta e cinco minutos.
E aparaceu el. Como en Pasarón. Como en Riazor. Como en Guijuelo. Miki está a facer unha tempada inmellorable nesta derradeira Segunda B e demostrando o seu bo facer de cara a portería alternando posicións con Brais Abelenda. Nesta ocasión, o de Nigrán aproveitaría un pase de David Soto para bater a Sequeira cun lategazo imparable. Un gran gol que daba moitas opcións de puntuar con todo o segundo tempo por diante.
Dominio total.
Miki, incansable, seguiría sendo un constante perigo no segundo tempo poñendo en serios problemas a Sequeira. Xunto a el, unha gran versión de Bicho, Brais Abelenda, Josiño e Juampa deixarían unha gran mostra de bo fútbol ofensivo metendo ao Celta B no seu campo e sen permitirlles saír en case corenta e cinco minutos, sendo Kévin Soni o único que buscou incomodar á defensa coa súa velocidade e véndose superado por Álvaro Casas.
E, como un partido non acaba ata que o di o colexiado, malia as constantes perdas de tempo dos visitantes, as opcións pasaron incluso por unha dobre oportunidade no engadido con Bicho mandando o balón ao pau e Matías Vesprini sendo incapaz de transformar o rexeite pegándolle mal de primeiras.
Agora, quedan dúas finais para un Compos que pode certificar a súa presenza na pelexa por estar a vindeira tempada na Primeira RFEF.
Ningún comentario:
Publicar un comentario