Punto de ouro

 O Compos volve de Guijuelo cun empate máis que merecido nun partido complicado. Un xogo de tolos, con oportunidades claras nas dúas porterías e que tivo un final de infarto cos nosos obtendo a recompensa a noventa minutos de superioridade perdoando ocasións suficientes para sacar algo máis positivo. Gol para empatar cunha autoría difícil de coñecer, con Baleato, Gabri e un defensa na acción. Ademais, cabe destacar o bo partido feito por Matías Vesprini na súa estrea como titular na liga así como a actuación dun Sergio Pereira pola banda dereita e a volta de Álvaro Casas ao once para partir na zona de creación e axudar na zaga.

 Sobre un campo en condicións mellorables, con zonas con moita auga, o perigo non tardou en chegar á portería defendida por Salcedo. Un partido que, como ben se sabía, estaría nas xogadas a balón parado e así puido avisar a Esedé ata en dúas oportunidades nos primeiros dez minutos, que se pecharon cunha oportunidade de Brais Abelenda ben salvada pola defensa. Un Brais que pouco puido facer contra unha defensa que o marcou moi ben cubríndoo, incluso, con ata dous contrarios para tapar as súas posibles oportunidades. 

 Sen moito que poder dicir dun Guijuelo que se limitou a mandar balóns en longo, si hai que destacar, e non para ben, ao colexiado cun listón moi baixo para sacar cartóns chegando aos vinte minutos con Matías Vesprini e Guille Torres amoestados. Por sorte, coa defensa en problemas, apareceu de novo Pato para salvar ao equipo cando foi preciso, fronte un rival que pouco perigo foi quen de producir. 

 Para manter un guión habitual deste equipo, as oportunidades na portería rival foron chegando, perdoando algunha que outra importante. Sería nunha desas, que non sería quen de transformar Soto coa cabeza, a antesala do golpe do partido. Cinco minutos despois, sería o propio Soto o que non despexaría ben un balón en área propia, caería a un contrario e noutro erro defensivo, cubrindo ente tres a Isma Cerro e deixando totalmente libre a Kamal, que non perdoaría diante de Pato. 

 Caeu o muro. 

 O segundo tempo chegou con superioridade para os nosos. Juampa avisaría na reanudación e os trocos, sobre todo a entrada de Gabri Palmás, aumentaría o bo facer en ataque dun Compos que merecería o gol en diferentes ocasións. Con Samu buscando sorprender coa súa potencia e Brais, o pouco que lle deixaron os defensas, cun testarazo que atrapou Salcedo sen grandes problemas.

 Foron varias as chamadas do equipo á portería salmantina, mais o gol fíxose esperar. O premio branquiazul chegou a un minuto para o final do tempo regulamentario cunha falta que pon Baleato e Gabri mete o pé o suficiente para enganar ao porteiro que pouco ou nada puido facer.

 Non obstante, o resultado puido ser incluso mellor cun final onde os nosos perdoaron unha ocasión máis de levar os tres puntos que farían, por uns días, manter os tres puntos. Aínda así, gran imaxe dun equipo que terá que defender un posto privilexiado contra o Racing de Ferrol o vindeiro domingo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario